Unha Santa en Mesía

A Nai María Clara del Niño Jesús foi en realidade Liébana del Carman Galvao Mexía de Moura Telles y Alburquerque quen, como o seu propio apelido indica, remonta as súas orixes xenealóxicas ao concello de Mesía. De aquí foron seguramente os seus avós, concretamente da torre-fortaleza de Mesía.

A orixe de todos os Mesía ou Mexía está neste lugar da comarca de Ordes, segundo explican os membros da Asociación Cultural Obradoiro da Historia. A Enciclopedia Galega recoñece este apelido ( Messía, Mexia e Mejía) como antigo de Mesía, con primitivo solar neste municipio.

Precisamente tras estes antecedentes acercouse a Mesía dende Lisboa a irmá María José Feijoo durante o proceso de recopilación de datos sobre a vida e obra da Nai María Clara, información que pasou a englobar o expediente que esperaba no Vaticano a luz verde do entón Papa Juan Pablo II para a súa canonización.

As 2000 relixiosas que a súa congregación, Las Hermanas Franciscanas Hospitalarias de la Inmaculada Concepción, ten repartidas por todo o mundo dende 1883, mantíñanse no 1999, con especial fe e devoción posto que era o ano en que se cumpría o centenario da morte da fundadora, a expectativa do milagro necesario para que a Nai María Clara sexa declarada Santa oficialmente e beata, é dicir, digna de culto. Este proceso iniciarase 4 anos antes en Portugal, atopándose no 1999 no seu punto final.

Liébana del Carmen Galvao foi e é coñecida polas súas actitudes caritativas e obras sociais cos máis necesitados, que a levaron a fundar unha congregación co fin de atender aos máis necesitados en colexios, garderías infantís, asistencia a minusválidos, cociña económica... incluso é coñecida como a Irmá dos Pobres.

Aínda que con antecedentes coruñeses, a Nai María Clara naceu, en xuño de 1843, na Finca del Bosque-Amadora, cerca de Lisboa (Portugal), onde residían os seus pais Nuno Tomás de Mascareñas Galvao Mexía e María Purificación de Sa Ferreira, co resto da súa nobre familia. Con poucos anos afronta a morte do seu irmán pequeno e pouco despois a da súa nai e, por causa da peste, a do seu pai. Decidida a entregarse á vida relixiosa, tras desenvolverse como novicia en Calais (Francia) , regresa a Portugal onde funda en 1871 a Congregación de las Hermanas Hospitalarias de los Pobres por Amor de Dios, que sería despois Hospitalarias Portuguesas e as actuais Franciscanas Hospitalarias.

Liébana del Carmen Galvao falece en Lisboa aos 56 anos tras unha longa enfermidade. Aseguran que durou tres días a peregrinación dos centos de fieles, sobre todo dos seus pobres, que quixeron darlle o último adeus.

O proceso de recopilación sobre a vida da relixiosa non foi nada fácil xa que se viu dificultada pola destrución de numerosos documentos a causa da revolución lusa de 1910. No estudo, as relixiosas franciscanas atoparon membros da súa familia actual en Portugal e non descartan que tamén exista descendencia no noso municipio.

No verán do 1998 houbo un intento de compra da Torre-Fortaleza por uns descendentes portugueses dos antigos propietarios ao que se negou o Concello, que non desexaba perder un patrimonio tan emblemático.