Medidas preventivas de limitación dos velorios e tanatorios

Concello de Mesía
Lun, 30/03/2020

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicado na noite do domingo 29 de marzo, recolle unha orde ministerial na que se detallan as novas medidas a aplicar após o falecemento dunha persoa. Debido ao decorrer dos rituais de pasamento, o Ministerio de Sanidade tomou a decisión de prohibir todos os velorios, tanto os que puidesen ter lugar en centros públicos coma privados, así como restrinxir outras cerimonias fúnebres en tanto que se manteña o estado de alarma.

A evolución da epidemia da COVID-19 no Estado, como recolle a orde, supuxo un incremento dos falecementos. Ao tempo, no caso desta enfermidade, as familiares e persoas achegadas que mantiveron un estreito contacto coa falecida puideron sufrir un contaxio e ser transmisoras da enfermidade, polo que deberán permanecer nos seus fogares mantendo a correspondente corentena.

Respecto á participación das familiares nunha comitiva fúnebre ou cerimonia de despedida antes da cremación da falecida, esta limítase a un total de tres persoas. Durante os ritos, deberán gardar unha distancia de seguridade de dous metros entre elas e a persoa que a oficie. As cerimonias civís ou relixiosas posporanse até a finalización do estado de alarma.

Esta orde ministerial endurece as medidas decretadas pola Xunta da Galicia e publicadas no DOG nº 60 do 26 de marzo do 2020. Nela permitíanse os velorios, limitando a confluencia a oito persoas por sala de vela e prohibindo a asistencia a persoas con síntomas respiratorios de calquera clase.