Test do estudo epidemiolóxico do É-Saúde (SERGAS)

Concello de Mesía
Sáb, 25/04/2020

A Consellería de Sanidade, a través dos seus recursos asistenciais, empezará a realizar nos Centros de Saúde do Concello de Mesía os test do estudo epidemilóxico para coñecer a situación do Coronavirus Covid 19 en Galicia.

O Instituto Galego de Estatística será o encargado de enviar o listado coas persoas seleccionadas a cada un dos centros de saúde. O reparto das mostras é:

Centro de Saúde de Xanceda: 10 test

Centro de Saúde de Visantoña: 17 test

A partir do luns 27 de abril as citacións ás probas realizaranse mediante contacto telefónico con cada unha das persoas seleccionadas e, tras realizárselles unha pequena enquisa concretarase unha cita para facer o test no centro de saúde especificado.

Neste senso, a toma da mostra consistirá nunha punción dixital que tras ser introducida nun medio reactivo, indicará se esa persoa tivo contacto coa Covid-19 ou non.

Ademais, no caso de que a persoa seleccionada para realizar a proba se atope encamada, o persoal do centro desprazarase até o seu domicilio.

Cabe subliñar que os resultados das probas comunicaranse no mesmo día da súa realización, por medio dunha nova chamada telefónica.

Se es seleccionado/a, debes saber que a participación no test é #voluntaria. Se non queres participar, non pasa nada xa que chamarán ás persoas suplentes. E, para que ninguén estea pegado ao teléfono: faranse varias chamadas e en horarios diferentes.

Se non recibes esa chamada, non vaias nin chames ao centro de saúde, pois só se farán os test previstos.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) encargouse de determinar o tamaño dunha mostra coa que poder debuxar o mapa epidemiolóxico das catro provincias galegas. Así, a poboación que será obxecto de investigación serán as persoas que dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde e que, tras ser escollidas dun xeito aleatorio, permitirán estratificar a influencia da pandemia por áreas territoriais; a prevalencia do virus segundo os diferentes tramos de idade (0-18 anos,19-64 anos e 65 ou máis anos) e o seu sexo.

O estudo epidemiolóxico permitirá ter unha visión máis nítida e ampla do Covid-19 en Galicia, e incide en que esta investigación repercutirá dun xeito beneficioso en toda a poboación, particípese ou non na toma de datos pois, os resultados do proxecto, permitirán acadar un coñecemento profundo da epidemia do Covid-19, permitindo adoptar as medidas sanitarias e de confinamento máis axeitadas; coñecela súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.