AXUDAS PARA A CONCILIACIÓN DA PERSOA TRABALLADORA AUTÓNOMA

Xov, 16/05/2019

Orde de convocatoria: ORDE do 26 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR341R). (DOG núm. 93, 16.05.2019).

 

Persoas beneficiarias:

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomos, que segundo o anexo I teña o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, que gozasen dun período de descanso por nacemento e que no prazo dos quince días seguintes ao da súa finalización realicen un contrato a unha persoa traballadora por conta allea.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto aos autónomos societarios.

 

Requisitos das persoas beneficiarias:

1. Para ter dereito á subvención, previamente a persoa traballadora autónoma tivo que estar de descanso por nacemento.

2. No prazo dos quince días naturais seguintes á finalización do período de descanso por nacemento débese realizar un contrato de calquera modalidade co compromiso dunha duración mínima de seis meses.

3. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada, entendendo como tal a unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego. Non é necesario que cumpra estes requisitos se a contratación se realiza coa mesma persoa que estaba contratada por interinidade por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma.

4. A persoa ou entidade beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un período mínimo do tempo polo que se lle concedeu a subvención desde a alta do contrato subvencionado, mantendo como mínimo a xornada pola que se concedeu a subvención.

5. No suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa ou entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación cunha persoa desempregada, polo menos, cunha xornada de traballo igual ou superior á de persoa substituída . Para cubrir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación debe serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda xunto cun novo anexo II referido á nova contratación e non dará lugar en ningún caso a unha nova subvención. A suma do tempo contratada da persoa traballadora e da substituta debe ser como mínimo igual ao tempo polo que se lle concedeu a subvención.

6. Estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como, coa Seguridade Social.

7. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito para percibir estas axudas.

10. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.

 

Acción subvencionable e importe da subvención:

1. Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso por nacemento, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

2. Serán subvencionables as contratacións que se realicen cunha duración mínima de seis meses que cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior se inicien entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de setembro de 2019.

3. O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, con un máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Sendo polo tanto o importe máximo que se pode percibir de 6.000 €.

4. Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

 

Prazo de solicitudes:  O prazo de solicitude remata o 30.09.2019.

 

Máis información nesta Ligazón á normativa ou chamando ao concello ao 981687001.