AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS NIÑO NO RURAL

Xov, 02/08/2018

 

Orde de convocatoria: ORDE do 17 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021 (DOG núm. 146, 01.08.2018).

 

 


Requisitos das persoas beneficiarias:

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias/os autónomas/os e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

1º. Técnico/a superior en educación infantil.

2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.

3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.

4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estadías dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.

2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.

3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, de ser o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.

5º. Elementos de protección: enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.

6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá como mínimo: cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcado CE.

En todo caso o mobiliario deberá ter bordes romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estadía separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e antideslizante, axeitada para gatear.

As estadías e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais en planta baixa.

d) Dispoñer dun plan de actuación cos/coas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

 

Gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria os gastos derivados das seguintes actuacións:

a) A reforma e adaptación do inmoble destinado a servir de casa niño así como o seu equipamento e dotación material nos termos previstos no artigo 4. O mobiliario, electrodomésticos e os materiais didácticos e de xogo poderán ser de segunda man, sempre que estean en perfecto estado de uso e conste unha declaración de quen os vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes requisitos do prezo mediante certificación de taxación independente.

b) A prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos nas condicións previstas no artigo 2.

c) A publicidade e información derivadas das obrigas recollidas no artigo 26.

 

Tipos de axuda e contías

1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.

2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. Este importe minorarase proporcionalmente no ano 2018 en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

 

Permanencia mínima da actividade subvencionada

O período mínimo de permanencia da actividade subvencionada será de 3 anos desde o pagamento final da axuda polos gastos previstos na letra a) do artigo 5.1. Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade da/do profesional ou cooperativa que o desenvolve ou a falta de demanda impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.7.

 

Prazo de solicitudes:  O prazo de solicitude remata o 01.09.2018.
 

Máis información nesta Ligazón á normativa ou chamando ao concello ao 981687001.