AXUDAS Á PROMOCIÓN E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO

Mér, 04/08/2021


O Concello de Mesía informa de que a Consellería de Emprego e Igualdade publicou hoxe, 04.08.2021, a ORDE do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal


 

Establécense os seguintes programas de axudas:

a) PROGRAMA I: PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO (código de procedemento TR341D).

- Persoas beneficiarias: as persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

- Prazo de presentación de solicitudes: o prazo finalizará o 30 de setembro de 2021.

- Contía da subvención:a) 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
– Persoas menores de 30 anos.
– Persoas desempregadas de longa duración.
– Persoas desempregadas con discapacidade.
– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos.
d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.
e) Persoas trans.
f) Profesións e oficios nos cales a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III.

Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.
 

b) PROGRAMA II: PROGRAMA DE AXUDAS A PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA E FORMACIÓN DE PERSOAS ASALARIADAS (código de procedemento TR349F).

- Persoas beneficiarias: persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

- Prazo de presentación das solicitudes:
a) As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2020 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.
b) As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención.
c) O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2021, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

- Contía dos incentivos:
1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:

- Primeira persoa traballadora indefinida.

A axuda consistirá nunha contía de 4.000 euros cando se trate dunha persoa desempregada.

Esta axuda será de 6.500 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
• Persoas desempregadas de longa duración.
• Persoas con discapacidade.
• Persoas en situación ou risco de exclusión social.

- Segunda e terceira persoa traballadora indefinida.

A axuda consistirá nunha contía de 6.500 euros cando se trate dunha persoa desempregada.

Esta axuda será de 9.000 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
• Persoas desempregadas de longa duración.
• Persoas con discapacidade.
 • Persoas en situación ou risco de exclusión social.

Estas contías resultantes incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos.
d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.
e) Persoas trans.
f) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio do Emprego, tal e como figuran no anexo III desta orde.

Deste xeito, as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serían:
– Para a primeira persoa traballadora indefinida 16.250 €.
– Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 22.500 €.

2. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.
 

Máis información na propia convocatoria ou chamando ao concello ao 981687001.