III PLAN DE RESCATE DA XUNTA DE GALICIA PARA AUTÓNOMOS, PROFESIONAIS E EMPRESAS

Lun, 14/06/2021

O Concello de Mesía informa de que a Xunta de Galicia publicou no DOG núm. 110, do 11.06.2021, a Orde do 9 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do III Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Este III Plan de rescate consta de tres programas:
- Programa I de apoio ás persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva (TR600A).
- Programa II de apoio ás persoas traballadoras autónomas individuais e persoas traballadoras autónomas ou empresas con ata 10 persoas traballadoras, ou de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata 2 mill de € (TR600B).
- Programa III de apoio ás persoas traballadoras autónomas ou empresas con máis de 10 persoas traballadoras e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, ou empresas de máis de 25 persoas traballadoras (TR600C).

Estas axudas directas terán carácter finalista e deberán aplicarse a satisfacer a débeda e realizar pagamentos a provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, así como os custos fixos en que se incorrese, sempre e cando estes fosen devindicados entre o 1 de marzo de 2020 e 31 de maio de 2021 e procedan de contratos anteriores á entrada en vigor do Real decreto lei 5/2021 do 12 de marzo. En primeiro lugar, satisfaranse os pagamentos a provedores, por orde de antigüidade e, se procede, reducirase o nominal da débeda bancaria, primando a redución da débeda con aval público.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles segundo o procedemento correspondente na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 14 de xuño ata o 14 de xullo de 2021, ambos inclusive.

Máis información na propia convocatoria e na corrección de erros publicada no DOG núm. 111, do 14.06.21, chamando ao concello ao 981687001.