CONVOCATORIA PROBAS PARA A OBTENCIÓN DA ESO

Ven, 12/02/2021

O Concello de Mesía informa de que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica hoxe, 12.02.2021, a Resolución pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización (código de procedemento ED540A).

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes REQUISITOS:
1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2020/21 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.
4. O alumnado matriculado durante o curso 2020/21 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
4.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
4.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

Os PRAZOS DE MATRÍCULA serán:
– Convocatoria de maio: 8 de marzo ao 18 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 de xullo ao 8 de xullo de 2021, ambos os dous incluídos.

As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.

 As SOLICITUDES DE INSCRICIÓN deberán presentarse en soporte papel nos centros educativos que se especifican a continuación ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (código de procedemento ED540A) que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

As persoas aspirantes formalizarán a súa inscrición nun dos seguintes CENTROS que constituirán tribunais para a avaliación das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria:
a) A Coruña:
– Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación 3-2º andar, 15011 A Coruña.
b) Ferrol:
– Centro EPA Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns s/n, 15406 Ferrol.
c) Santiago de Compostela:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra A e a letra L: IES San Clemente, rúa San Clemente s/n, 15705 Santiago de Compostela.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra M e a letra Z: IES Rosalía de Castro, rúa San Clemente 3, 15705 Santiago de Compostela.

Máis información na propia CONVOCATORIA, no seguinte ENLACE ou chamando ao concello ao 981687001.