AS AXUDAS AUTONÓMICAS PARA SOCIEDADES DE FOMENTO FORESTAL (SOFOR) PODEN PEDIRSE ATA O 15 DE MARZO

Mér, 14/01/2015

O Concello de Mesía divulga as axudas autonómicas para constituír e iniciar a actividade de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), convocadas para 2015 pola Consellería do Medio Rural no Diario Oficial de Galicia de hoxe.

O orzamento inicial da convocatoria é de 232.614 euros. Presenta dúas liñas de axudas. Por un lado, as destinadas a constituír Sofor. Por outro, as que teñen por obxecto apoiar o inicio da actividade daquelas sociedades con inscrición definitiva no seu correspondente rexistro.

No primeiro caso, poderán solicitar as axudas as agrupacións de propietarios forestais constituídas formalmente e inscritas no rexistro de asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Tamén outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais cunha finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos terreos que xestionen, inscritas segundo a lexislación sectorial que lles sexa de aplicación. No segundo caso, o das axudas para o inicio da actividade, poderán solicitar axudas as Sofor con inscrición definitiva no seu devandito rexistro.

Novidades

A Xunta de Galicia destaca dúas novidades na convocatoria de 2015. A primeira é que no baremo co que se avalían as solicitudes priman as iniciativas que se desenvolvan en concellos incluídos nas zonas para revitalizar e intermedias, establecidas no Primeiro Programa de Desenvolvemento Rural Sustentable para o período 2010-2014.

A segunda novidade é que se eleva o importe máximo subvencionable para os custos de investigación e clasificación a 60.000 euros. Ademais, inclúense expresamente os traballos necesarios para localizar os marcos que delimitan as parcelas, o seu levantamento topográfico e o seu trazado sobre plano, a identificación dos propietarios e a valoración do voo.