AXUDAS DESTINADAS AO ALUMNADO UNIVERSITARIO

Mér, 20/01/2021

O Concello de Mesía informa de que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia vén de publicar no DOG núm. 6, do 12.01.2021, a ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2020/21 ou por unha situación derivada da COVID-19, teña dificultades económicas para continuar estudos (código de procedemento ED433A).

Persoas beneficiarias: Alumnado matriculado en estudos universitarios oficiais.


Requisitos: Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

1. Causas sobrevidas no curso académico 2020/21.
a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico: orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; condición de emigrante retornado; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).
b) Que a situación sobrevida e imprevista acontecese durante o actual curso académico 2020/21. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021.

2. Causas xurdidas como consecuencia da COVID-19.
Que algún dos sustentadores principais da unidade familiar estean en situación de desemprego, en Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) ou en calquera outra situación que supoña unha merma económica ou laboral como consecuencia directa da COVID-19.

3. Requisitos de carácter xeral.
a) Estar matriculado, no curso académico 2020/21, como mínimo en 50 créditos, incluídos os créditos recoñecidos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos que deberá de estar matriculado como mínimo de 30 créditos, incluídos tamén os créditos recoñecidos.
b) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2021 multiplicada por 1,50.
c) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Obrigas das persoas beneficiarias: A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:
a) Seguir durante o curso académico os estudos en que se estea matriculada.
b) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.
c) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.
d) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.
e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que a persoa interesada se opoña á consulta. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Prazo de presentación de solicitudes:
– Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será ata o 12.02.2021.
– Se a causa xurde como consecuencia da COVID-19 e é anterior á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será ata o 12.02.2021.
– Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo, nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2021, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b) da dita Orde.
– Se a causa xurde como consecuencia da COVID-19 con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo, nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2021, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b) da dita Orde.

Máis información na propia convocatoria, chamando ao Servizo de apoio e orientación ao alumnado universitario da Xunta de Galicia ao 981544430 ou chamando ao concello ao 981687001.

 

-