AS AXUDAS DO CONCELLO DE MESÍA PARA O TRANSPORTE ESCOLAR DO CURSO 2015-2016 PODEN SOLICITARSE ATA O 31 DE OUTUBRO

Xov, 01/10/2015

O Concello de Mesía acaba de convocar as axudas ao transporte de estudantes para o curso 2015-2016. A convocatoria foi publicada este mércores no Boletín Oficial da Provincia. As solicitudes poden presentarse ata o 31 de outubro.

As subvencións contan cun orzamento dispoñible de 5.400 euros. Cada unha delas poderá acadar un tope de 250 euros. Están dirixidas a estudantes que residan no municipio de Mesía e cursen estudos de bacharelato ou formación profesional cun título homologado fóra dos límites do concello. Están excluídos os estudos superiores, como titulacións universitarias, doutorados…

Requisitos
Os beneficiarios da axuda non poderán superar os 25 anos de idade, deberán figurar empadroados no municipio de Mesía cando menos cun ano de antigüidade, que cursen estudos de bacharelato ou formación profesional con título homologado para os que sexa necesario desprazarse fóra do concello e que a unidade familiar estea ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. E por último, os seus ingresos brutos per cápita da unidade familiar non deberán superar o equivalente a dúas veces o salario mínimo interprofesional.

Solicitude e documentación
A solicitude, que se poderá presentar no Rexistro Xeral do Concello preferiblemente no impreso modelo que se pode obter nas oficinas municipais, deberá ir acompañada pola seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI, ou do libro de familia no caso de que o estudante aínda non posúa DNI. No caso das familias numerosas deberán achegar fotocopia do libro de familia numerosa.
- Certificado de empadroamento no concello.
- Fotocopia da declaración da renda da unidade familiar do exercicio 2014 ou, de ser o caso, certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria en relación á non obriga de presentar a declaración de cada un dos integrantes da unidade familiar. Neste último caso, ademais do certificado negativo, deberá presentarse un certificado de empresa sobre os ingresos brutos anuais da unidade familiar, así como xustificante de pensión, no seu caso.
- Fotocopia da matrícula oficial dos estudos ou certificado do centro que acredite que o solicitante cursa nel os estudos.
- Certificado de minusvalía expedido pola Xunta no caso de que algunha das persoas da unidade familiar padeza algún tipo de discapacidade.
- Declaración responsable de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

- Declaracións xuradas da distancia entre o domicilio do solicitante e o centro de estudos e dos membros da unidade familiar que conviven no mesmo domicilio.
- Datos bancarios do beneficiario ou do representante legal para efectuar o ingreso da axuda.

Valoración das solicitudes
Todas as solicitudes recibidas en tempo e forma serán examinadas por unha comisión de valoración presidida polo alcalde de Mesía e integrada ademais por tres concelleiros da corporación que o alcalde designe como vogais. O secretario municipal exercerá como secretario da comisión.

Comprobarán previamente que se reúnen todos os requisitos. De non ser así, e no caso de que os defectos sexan subsanables, terán un prazo máximo e improrrogable de dez días para corrixilos. Se non son subsanables, a solicitude será inadmitida.

Puntuación
Para determinaar quen resultan beneficiarios da convocatoria, todas as solicitudes presentadas e admitidas serán puntuadas con este sistema:
- 1 punto por cada integrante da unidade familiar.
- Puntuación por ingresos económicos. Toma como base o SMI 2015 (648,60 euros) multiplicado por dous. A partir de aí, concede 8 puntos aos casos nos que os ingresos brutos per cápita anual estean por debaixo dos 3.000 euros, 6 puntos aos que se sitúen entre 3.001 e 6.000, 4 puntos aos que estean no rango de 6.001 a 9.000 euros, e 2 puntos aos que aparezan no tramo entre os 9.001 e 18.160,80 euros de renta per cápita anual.
- 4 puntos por cada integrante da unidade familiar afectado por discapacidade ou minusvalía.
- Por distancia: 2 puntos se é inferior aos 20 quilómetros, 4 puntos se está entre 21 e 40, 6 puntos entre os 41 e os 60 quilómetros, e 8 puntos se excede os 60 quilómetros.

Resolución e pagamento
A alcaldía, tomando como base vinculante a resolución da comisión de valoración, será a que resolva a concesión ou denegación da axuda. A resolución será ditada antes do 1 de decembro e nela figurarán os beneficiarios e a contía que cada un percibirá. Tamén se lles notificará individualmente aos beneficiarios.

O pagamento efectuarase antes da fin do exercicio económico de 2015 na conta bancaria indicada na solicitude.