AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE REHABILITACION ENERXETICA ANO 2022

Ven, 12/11/2021


O Concello de Mesía informa de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo publicou no DOG núm. 212, do 04.11.2021, a Resolución do 26 de outubro de 2021 pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, incluído no Programa de rexeneración e reto demográfico do Plan de rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (programa PREE 5000), para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406D).



Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, sempre que teñan residencia fiscal en España:
a) As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva de vivenda existentes.
b) As comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
c) As persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

Actuacións subvencionables:
a) Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica (tipoloxía 1).
b) Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria (tipoloxía 2).
c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación (tipoloxía 3).


As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes construídas con anterioridade ao ano 2007.

Estas actuacións deberán acadar as dúas seguintes condicións:
– Unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación actual do edificio.
– A mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A.

Para os efectos deste programa, para a obtención das condicións anteriores poderanse combinar as actuacións que se vaian realizar; non será necesario o seu cumprimento por cada actuación individualmente.

As contías das axudas veñen determinadas nos Anexos I e IV do Real Decreto 691/2021, de 3 de agosto, publicado no BOE-A-2021-13268 do 4 de agosto de 2021.

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día 3 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2022, salvo que con anterioridade se esgotase o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Máis información:
- no Instituto Galego de Vivenda e Solo
Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Servizo de Coordinación e Información en Materia de Vivenda
Área Central s/n Polígono de Fontiñas 15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A). Teléfono: 981541981.
- na propia convocatoria.
- no concello no 981687001.