AXUDAS PROGRAMA BONO CONCILIA. CURSO 2021-2022

Xov, 17/06/2021

O Concello de Mesía informa de que a Consellería de Política Social publica hoxe, 17.06.2021, no DOG núm. 114, a ORDE do 4 de xuño de 2021 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 NON sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se convocan para o curso 2021/2022.

AXUDA

1. A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de once meses.
2. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, sen que se poida superar en ningún caso o custo da praza.

BENEFICIARIOS/AS E REQUISITOS
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter un fillo ou filla nacido ou nacida con posterioridade ao 31 de decembro de 2018 e que non cumpra os requisitos para acceder ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as.
b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en calquera das escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2021/22 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.
2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2021/22 exercendo a opción do programa Bono concilia e, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, polo traballo en quenda de tarde ou en quendas rotativas de ambos/as proxenitores/as, circunstancia que se acreditará documentalmente.
3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2021/22 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.
4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2020/21 e solicitala para a mesma nena ou neno.
5º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.
6º. Ser beneficiario/a dunha praza do servizo de educación infantil en escolas infantís de titularidade privada durante o curso 2020/21 e cumprir os requisitos para a súa renovación.
7º. Ter un segundo irmán ou segunda irmá que no curso 2020/21 estivese asistindo a unha escola infantil 0-3 de titularidade privada acollida ao programa da gratuidade da atención educativa.

c) Escolarizar o neno ou a nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

PRAZO E PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
1. As solicitudes das persoas interesadas presentaranse preferiblemente por vía electrónica través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, indicando a opción de renovación da axuda ou de nova solicitude segundo corresponda. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes comeza o 18.06.2021 e remata o 19.07.2021, ambos os dous inclusive.

Máis información na propia convocatoria ou chamando ao concello ao 981687001.