AXUDAS Á REHABILITACIÓN DE VIVENDAS

Ven, 02/08/2019

AXUDAS Á REHABILITACIÓN DE VIVENDAS

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda, publicou no DOG núm. 143 do 30.07.2019 a Resolución do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións de programas de fomento de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan Estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2019, con carácter plurianual.

 

BENEFICIARIOS

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta resolución:

a) As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e das vivendas ubicadas nestes edificios.

b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As agrupacións de persoas propietarias.

d) As sociedades cooperativas compostas por agrupacións de persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de división horizontal, así como por persoas propietarias que conforman comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

e) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios, así como as cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato coa propiedade que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto das dúas liñas de axudas previstas nesta resolución.

f) As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

 

REQUISITOS
As actuacións deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares que estivesen finalizadas antes do 1 de xaneiro de 1996 e constitúan o domicilio habitual e permanente da persoa propietaria ou inquilina.

 

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES

Concederanse axudas en dous programas:

Liña A. Programa de fomento de mellora da eficacia enerxética e da sustentabilidade en vivendas. A súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria. En concreto, as actuacións subvencionables son:

- As actuacións en fachada, cuberta ou calquera paramento da envolvente térmica da vivenda, de mellora do seu illamento térmico, a substitución de carpinterías e acristalamentos dos ocos e o cerramento ou acristalamento das terrazas con teito ou outras, incluíndo a instalación de dispositivos bioclimáticos e de sombreamento.

- A instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia.

- A instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables como a enerxía solar fotovoltaíca, biomasa ou xeotermia que reduzan o consumo de enerxía convencional térmica ou eléctrica na vivenda.

 

Liña B. Fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas. En concreto, as actuacións subvencionables son:

- As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.

- As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluíndo procesos de desamiantado.

- A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades  de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.

- A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.

- A mellora das condicións de accesibilidade en baños e cociñas.

- E calquera outra intervención que facilite a accesibilidade.

 

CONTÍA DAS AXUDAS

A contía das axudas será, con carácter xeral, do 40 por cento do custe subvencionable da actuación sempre dentro dos límites que se indican nos cadros seguintes. No caso de que os ingresos sexan inferiores a tres veces o Iprem a porcentaxe poderá chegar ao 75 por cento. A porcentaxe tamén poderá chegar ao 75 por cento no caso de actuacións de accesibilidade se na unidade da convivencia residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

O importe máximo das axudas será o seguinte:

 Liña A

- Vivenda unifamiliar: 12.000 € (básica) ou 18.000 € (familias con persoas con discapacidade)
- Vivenda colectiva: 8.000 € (básica) ou 12.000 € (familias con persoas con discapacidade)

 

Liña B

- Actuacións de conservación: 3.000 € (básica e familias con persoas con discapacidade)
- Actuacións de seguridade e accesibilidade: 8.000 € (básica) ou 14.000 € (familias con persoas con discapacidade)

 

As axudas básicas poderán incrementarse en 1.000 euros cando se trate de inmobles declarados Ben de Interese Cultural (BIC), estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

Por último, a contía tamén se incrementará nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

 

PRAZO

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30.08.2019.

 

Máis información nesta ligazón á normativa ou chamando ao concello ao 981687001.