Noticias

Ven, 29/08/2014

O Concello de Mesía informa de que a unidade móbil para a doazón de sangue visitará Xanceda o vindeiro martes 2 de setembro, de 10 a 14:30 horas diante do Concello. Ao día seguinte, de 16 a 21 horas, estará en Mesía, nas inmediacións da igrexa parroquial. O Concello anima a participar nesta iniciativa para contribuír a atender as necesidades de sangue no sistema sanitario.

Xov, 28/08/2014
Cadro competición

Hoxe xoves sorteouse o cadro de competición do Torneo Interparroquial de Fútbol Concello de Mesía 2014, que se disputa este domingo 31 de agosto no campo municipal de céspede artificial en Visantoña. A novidade nesta ocasión é unha categoría de fútbol 5, con xogadores de cinco a nove anos, que se suma ás de fútbol 8 e de fútbol 11. Consulte o cadro de competición. Esta actividade conta coa colaboración de Coca-Cola.

Sáb, 23/08/2014

A Festa da Auga 2014 do Concello de Mesía refrescou e divertiu ás numerosas persoas, do municipio e de fóra, que se achegaron durante a tarde deste sábado ata o complexo deportivo municipal da Mata, en Mesía. Unha xincana con xogos de auga, elementos inchables na piscina e a lanzadeira de escuma foron as grandes atraccións dunha xornada soleada e de temperaturas que acadaron os 20 graos.

Mar, 19/08/2014

O Concello de Mesía mantén aberta a inscrición para participar nas xornadas de multiaventura programadas para o xoves 28 e o venres 29 de agosto. O primeiro día desenvolverase no albergue de Santa Cruz, en Oleiros, con canoa, BTT e unha xincana nocturna. A segunda xornada, na Coruña, inclúe paintball e cine. Existe a opción de participar unicamente nesta segunda xornada.

Lun, 18/08/2014

O Concello de Mesía celebra este sábado 23 a Festa da Auga e da Escuma. Comezará a partir das 16:30 horas no complexo deportivo municipal da Mata, en Xanceda. A participación é gratuíta e require inscrición no 981 68 72 41 para avisar dunha eventual suspensión da actividade por razóns meteorolóxicas, aínda que de momento as previsións anticipan unha temperatura duns 24º e un 0% de probabilidade de chuvia.

Ven, 08/08/2014

O campamento 'Respira Mesía', organizado polo Concello, sumou 24 participantes na súa ampla e variada programación de actividades. Ao longo desta semana, os escolares, de entre catro e dez anos, divertíronse a aprenderon en obradoiros, xogos e saídas lúdicas.

Ven, 08/08/2014

Os dous niveis dos cursos de natación do Concello de Mesía cubriron as catorce prazas dispoñibles en cada un deles. As clases teñen lugar todos os días de luns a xoves desde finais de xullo ata finais de agosto.

Ven, 08/08/2014

Máis de oitenta persoas participan cada semana nas saídas á praia de Boiro que organiza o Concello de Mesía no programa 'Imos á praia'. Cada xoves dos meses de xullo e agosto, desprázanse en autobuses para pasar un día relaxado a carón do mar, gozando da auga e do sol. Aínda quedan tres saídas máis: os días 14, 21 e 28 de agosto.

Ven, 08/08/2014

As malas condicións meteorolóxicas motivaron hoxe a anulación da saída municipal ao lago artificial das Pontes e a súa substitución pola asistencia a unha proxección cinematográfica na Coruña. Con esta decisión áxil do Concello, as 35 persoas que tiñan prevista unha xornada de lecer, entre nenos e adultos, puideron manter os seus plans, aínda que fose cun destino diferente.

Mér, 06/08/2014

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes trouxo hoxe ata Mesía a súa actividade 'Contiños para compartir', co propósito de promover o respecto pola igualdade de xénero entre a infancia. Na sesión participaron os 24 nenos e nenas que acoden durante esta semana ao programa de conciliación 'Respira Mesía'.

Páxinas