BONO COIDADO EXTRAORDINARIO Á DEPENDENCIA

Lun, 15/06/2020


O Concello de Mesía informa de que o día 12.06.2020, a Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial da Galicia a ORDE do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas ás familias de persoas usuarias de centros de atención diúrna de persoas maiores e con discapacidade durante a situación de suspensión deste servizo como consecuencia do COVID-19, a través do Bono coidado extraordinario á dependencia (código de procedemento BS900B).



OBXECTO
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas para os gastos derivados da contratación dun servizo de axuda no fogar, para a contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras ou para paliar a diminución de ingresos por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada para atender no domicilio ás persoas usuarias de centros de día de persoas maiores e de centros de día específicos de alzheimer, e de centros de día e ocupacionais de persoas con discapacidade, e para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva a estas persoas, toda vez que a actividade destes centros está suspendida pola situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Así, o obxecto desta orde defínese a través da concesión de axudas económicas para os seguintes gastos:
a) Modalidade de contratación dun servizo de axuda no fogar, de gastos derivados da contratación ou ampliación de xornada de persoas coidadoras, e de compensación pola diminución de ingresos por acollerse a unha excedencia ou redución de xornada, nas condicións detalladas no artigo 3.1. da dita orde.
b) Modalidade de contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva, nas condicións detalladas no artigo 3.2. da dita orde.

As dúas modalidades son compatibles, isto é, as persoas beneficiarias poden solicitar una delas ou as dúas.

PERSOAS BENEFICIARIAS
As persoas familiares que subscriban un contrato para a prestación do SAF ou un contrato ou ampliación doutro existente cunha persoa coidadora, ou que soliciten unha excedencia ou redución de xornada para atender ás persoas usuarias de centros de día de maiores e de centros de día específicos de alzheimer, e de centros de día ou ocupacionais de persoas con discapacidade, autorizados e inscritos no RUEPSS, cuxa actividade está suspendida como consecuencia da epidemia do coronavirus COVID-19; ou para a contratación de servizos de estimulación física e/ou cognitiva a estas persoas.

FORMA, LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ata o 13.07.2020.

DOCUMENTACIÓN
1. Solicitude (Anexo I)
2. Copia do contrato de prestación de servizos ou pacto de asistencia asinado coa entidade titular do centro de día ou do centro ocupacional.
3. De ser o caso, contrato asinado coa entidade prestadora do SAF.
4. De ser o caso, contrato ou ampliación do contrato da persoa coidadora.
5. De ser o caso, documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada ou excedencia durante o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Mugeju etc.), certificación en que se acredite a referida situación en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.
6. De ser o caso, xustificante da contratación dos servizos de estimulación física e/ou cognitiva. No caso de non terse realizado aínda a contratación, esta documentación deberá de achegarse no prazo de 10 días dende a notificación da resolución ou perderase o dereito á axuda concedida.
7. Declaración de que non incorre en inhabilitación para a concesión de subvencións e axudas, e que a persoa a coidar no domicilio era usuaria do centro de día ou do centro ocupacional con anterioridade á suspensión da súa actividade como consecuencia do COVID-19, segundo se sinala no anexo I.

PAGAMENTO E XUSTIFICACIÓN
O pagamento das axudas realizarase con periodicidade mensual, dentro dos 5 primeiros días de cada mes.

As persoas beneficiarias das axudas percibirán ata o 80 % da cantidade concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á súa xustificación, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. O 20 % restante librarase unha vez xustificados os gastos. A percepción destes pagamentos, en concepto de anticipo, queda exonerada da constitución de garantías.

De conformidade coa natureza das axudas, realizarase un primeiro aboamento correspondente ao período comprendido entre o 16 de marzo de 2020, data na que foi efectiva a suspensión da actividade dos centros de día e dos centros ocupacionais, e a data de resolución das axudas.

Para xustificar as axudas presentarase, no prazo de 10 días a contar dende o levantamento da suspensión da actividade dos centros de día e dos centros ocupacionais, o anexo II xunto coas facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios ou recibos que acrediten o seu pagamento, segundo o establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
 

Máis información nos Servizos Sociais do Concello de Mesía.