BONO CONCILIA CURSO 2020/2021

Mér, 29/07/2020

Orde da convocatoria:
Orde do 14 de xullo de 2020 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se convocan para o curso 2020/21 (código de procedemento BS403A) (DOG nº 149 do 27 de xullo de 2020).

Obxecto: Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e convocalas para o curso 2020/21.

Tipo de axuda, contía e concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas:
1. A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de once meses.
2. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, e non poderá superar en ningún caso o custo da praza.
3. Enténdese por servizo de comedor o definido no artigo 26 do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Este servizo comprenderá o xantar, que será prestado por persoal do propio centro ou contratado con tal fin (servizo de cátering), e incluirá en todo caso os alimentos.
4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.
5. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da praza subvencionada.

As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Beneficiarios:
Familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:
a) Ter un fillo ou filla nado ou nada con posterioridade ao 31 de decembro de 2017 e que non cumpra os requisitos para acceder ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:
1º. Ter solicitado praza en calquera das escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.
2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 exercendo a opción do programa Bono concilia e, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.
3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.
4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2019/20 e solicitala para a mesma nena ou neno.
5º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

c) Escolarizar o neno ou nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

Forma e prazo de presentación de solicitudes:
1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para presentarndas solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para presentar as solicitudes de axuda rematará o 27.08.2020.

3. Con carácter excepcional, poderán presentarse solicitudes pasado o prazo ordinario establecido no número 2 e con data límite do 31 de outubro de 2020, nos seguintes supostos:
a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas cales se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo.
b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.
c) As galegas e os galegos que retornasen a Galicia durante o ano 2020, que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e para un concello onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Máis información na ligazón á convocatoria ou chamando ao concello ao 981687001.