Noticias

Mar, 28/10/2014

O Concello de Mesía informa da convocatoria de dous cursos de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras, que se celebrarán en Teixeiro (Curtis) e en Ordes do 17 ao 21 de novembro. Son cursos gratuítos, de 18 horas de duración, con vinte prazas cada un. Para anotarse, pódese acudir ao Concello ou enviar este formulario debidamente cuberto ao enderezo electrónico prosem@prosem.es.

Sáb, 18/10/2014

Hoxe tivo lugar a excursión á comarca do Bierzo (León) organizada polo Concello de Mesía, coa participación de numerosos veciños e veciñas. Todos eles disfrutaron da visita, na que puideron coñecer Villafranca del Bierzo, unha adega e un museo etnográfico.

Lun, 13/10/2014

O Concello de Mesía informa de que os vindeiros xoves 16 e venres 17 celébranse en Ordes unhas xornadas de motivación para o emprendemento. Están organizadas pola Mancomunidade de Ordes, o Concello de Ordes e a Deputación da Coruña, coa colaboración do IGAPE. Terán lugar na Casa da Cultura de Ordes en horario matinal. A inscrición é de balde e continúa aberta nos teléfonos 981 68 00 02 (extensión 113) e 981 68 06 79.

Xov, 02/10/2014

O Concello de Mesía divulga a convocatoria de subvencións para o fomento da silvicultura en bosques, que a Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Son axudas orientadas á mellora silvícola de masas forestais existentes, con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras, así como o aumento da superficie forestal arborizada.

Mér, 01/10/2014

O Concello de Mesía informa de que desde hoxe xa se poden solicitar de novo permisos de queima de restos agrícolas ou de restos forestais amoreados. É unha decisión da Xunta, de acordo coa normativa vixente, unha vez rematada a época oficial de perigo alto de incendios forestais en Galicia. Toda a información en 'ler máis'.

Lun, 29/09/2014

O Concello de Mesía estrea hoxe as dúas curtametraxes elaboradas polos cincuenta nenos e nenas participantes nos obradoiros Xogar e Conciliar (XoeCon) do verán recén rematado. O obradoiro de videocreación, impartido por Illa Bufarda, baseouse en animacións con plastilina coas que se recrearon dúas narracións da tradición oral, sen esquecer a perspectiva crítica. As curtas son 'Un cesto de patacas' e 'A lenda do castelo da Pobra de Mesía'. Máis información en 'ler máis'.

Lun, 29/09/2014

O Concello de Mesía acaba de convocar as axudas ao transporte de estudantes para o curso 2014-2015. A convocatoria aparece publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia. As solicitudes poden presentarse desde mañá martes 30 de setembro ata o venres 31 de outubro. As subvencións contan cun orzamento dispoñible de 5.400 euros. Cada unha delas poderá acadar un tope de 250 euros. Están dirixidas a estudantes que residan no municipio e cursen estudos de ensinanza secundaria ou formación profesional cun título homologado fóra dos límites do concello. Están excluídos os estudos superiores, como titulacións universitarias ou doutorados.

Lun, 29/09/2014

O Concello de Mesía acaba de convocar as axudas ao transporte de estudantes para o curso 2014-2015. A convocatoria aparece publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia. As solicitudes poden presentarse desde mañá martes 30 de setembro ata o venres 31 de outubro. As subvencións contan cun orzamento dispoñible de 5.400 euros. Cada unha delas poderá acadar un tope de 250 euros. Están dirixidas a estudantes que residan no municipio e cursen estudos de ensinanza secundaria ou formación profesional cun título homologado fóra dos límites do concello. Están excluídos os estudos superiores, como titulacións universitarias ou doutorados.

Lun, 22/09/2014

'Os Bolechas e o Sabichón' chegan o vindeiro domingo 28 de setembro (18 horas) á Casa da Cultura de Mesía. Esta actuación, pensada para nenos e nenas a partir de tres anos, ten entrada de balde ata completar o aforo do auditorio. É preciso inscribirse previamente ata este venres 26 para confirmar asento. É unha actividade que está promovida polo programa de dinamización lingüística FalaRedes, do que forma parte o Concello de Mesía.

Xov, 18/09/2014

O Concello de Mesía abre desde hoxe, xoves 18 de setembro, o prazo para inscribirse nas actividades municipais para o curso 2014-2015. Estes días están chegando a todos os domicilios do municipio os boletíns coa programación completa para que a cidadanía poida consultar as opcións que máis lle interesan. A oferta é ampla e variada e ofrece alternativas para a infancia, a xuventude, a poboación adulta e a terceira idade.
Pode consultar aquí a programación e descargar aquí a folla de inscrición. Non se admiten anotacións por teléfono. Máis información en 'ler máis'.

Páxinas