CONVOCADAS AS AXUDAS AUTONÓMICAS PARA COMPENSAR DANOS OCASIONADOS POR ATAQUES DE LOBO A RESES DE GANDO

Lun, 28/12/2015

O Concello de Mesía informa de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas destinada a compensar os danos ocasionados por ataques de lobos ás reses gandeiras. Esta convocatoria está dotada cun total de 360.000 euros para toda Galicia.

Estas axudas están destinadas aos propietarios de gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino de Galicia, sempre e cando os danos procedan de ataques que non podían evitarse.

As contías concédense en función das especies afectadas e os seus tramos de idade, polo que oscilan entre os 26 euros dun ovino adulto de máis de 6 anos, e os 1.635 euros por un vacún de raza autóctona de entre 2 e 6 anos. En todo caso, as contías calcúlanse en base aos baremos presentes na orde, e poden incrementarse nun 30 por cento se o dano se produce nalgún dos concellos situados na zona 1 do Plan de Xestión do Lobo.

O período de vixencia da orde esténdese desde o 1 de outubro deste ano ata o 30 de setembro do próximo exercicio.