CONVOCADAS AS AXUDAS PARA INVESTIR EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS E FORESTAIS

Ven, 16/01/2015

O Concello de Mesía informa de que xa están convocadas as axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), cunha dotación total de 8.654.000 euros.

As axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia, destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais, agás investimentos no sector vitivinícola, que conta cunha convocatoria específica.

Beneficiarios

Poden optar a estas axudas as empresas que vaian efectuar investimentos en transformación e comarcialización de produtos agrarios, así como as microempresas dedicadas á serradura de madeira. En concreto, son subvencionables os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia, tales como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles -excepcto compra de terreos- e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

Os investimentos obxecto da axuda deberán ser executados, pagados e xustificados na súa totalidade con data límite do 10 de outubro de 2015, xa que con esta convocatoria péchase o PDR 2007-2013. Os investimentos que con similares obxectivos se pretendan realizar a partir de 2016 serán cubertos polo novo PDR, actualmente en tramitación.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria é dun mes contado desde hoxe, 16 de xaneiro de 2015.