CONVOCADAS HOXE AXUDAS AUTONÓMICAS PARA A MELLORA DE LIQUIDEZ FINANCEIRA DAS EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS

Ven, 02/10/2015

O Concello de Mesía informa da convocatoria de axudas para a liquidez de explotacións agrarias de vacún de leite, con achegas para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora das instalacións e a incorporación de mocidade á actividade agraria. A interrupción das amortizacións e dos xuros é de dous anos. A convocatoria, da Consellería do Medio Rural e do Mar, foi publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son os titulares de explotacións agrarias de vacún de leite que soliciten un período de carencia de ata dous anos na amortización do préstamo concedido no seu día para apoiar investimentos de mellora de explotacións e incorporación de mocidade ao agro. As axudas tramítanse no marco dos convenios de colaboración establecidos coas entidades financeiras para o financiamento dese tipo de investimentos.

O prazo de presentación das solicitudes é dun mes desde hoxe e debe presentarse no mesmo documento no que se solicite a carencia na entidade financeira na que se formalizou o préstamo. As persoas interesadas poden consultar os procedementos para tramitar as axudas na orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.