DOBLE CITA SOLIDARIA ESTE NADAL: I TORNEO INFANTIL DE FÚTBOL SALA MESÍA SOLIDARIA E VIII TORNEO 'MESÍA CONTRA O CANCRO'

Mér, 09/12/2015
Cartel dos torneos solidarios de Nadal

O Concello de Mesía convoca unha doble cita deportivo-solidaria para as vindeiras festas de Nadal, organizando o I Torneo Infantil de Fútbol Sala 'Mesía Solidaria', que se suma ao xa tradicional 'Mesía contra o cancro', que este ano chega á súa oitava edición.

I Torneo Infantil Mesía Solidaria
O torneo infantil, que dá resposta ás suxestións por parte de nenos, nenas, pais e nais do concello, será o sábado 26 de decembro no polideportivo municipal en Olas. Servirá para recadar alimentos para familias con escasos recursos, que xestionará a organización Cáritas, e cartos en beneficio da Asociación de Persoas con Discapacidade Amarai, radicada en Boimorto. 

O prezo da inscrición no torneo é a entrega dun quilo de comida por cada xogador participante. Do mesmo xeito, a entrada solidaria ao torneo será a entrega dun quilo por cada espectador. A condición é que sexan alimentos envasados e non perecedoiros. As doazóns económicas para Amarai recolleranse nunha furna instalada no propio pavillón.

As anotacións para este torneo poden efectuarse ata o 21 de decembro remitindo a folla de inscrición ao enderezo electrónico elenarocamoro@concellodemesia.es. O número máximo de xogadores por equipo é de dez. Haberá dúas categorías, unha benxamín de cinco a dez anos de idade, e outra infantil, de once a quince anos. Os partidos da liguiña, de dez minutos cada un dos tempos de xogo, desenvolveranse entre once da mañá e ás seis da tarde, para despois dar paso ás finais. 

VIII Torneo Mesía contra o cancro
Pola súa parte, o VIII Torneo Solidario de fútbol sala 'Mesía contra o cancro' terá lugar o domingo 27 de decembro. Todo o recadado destínase, como todos estes anos, á Asociación Española Contra el Cáncer (AECC).

A recadación será o resultante das colaboracións e patrocinios de empresas e asociacións do municipio e da contorna, as cotas de inscrición dos equipos, a venda de rifas para os sorteos de varios lotes de produtos navideños, e as doazóns particulares.

A inscrición por cada equipo ten un importe de doazón de 50 euros. Cada conxunto precisa un mínimo de seis xogadores e un máximo de doce. Todos deberán ser maiores de quince anos. As anotacións poden tramitarse remitindo a ficha de inscrición por correo electrónico a elenarocamoro@concellodemesia.es ata o 21 de decembro. Existe un límite de oito equipos na categoría masculina e de catro equipos na feminina. O campionato desenvolverase polo sistema de eliminatorias pola mañá e as semifinais e finais pola tarde. O torneo entregará trofeos aos primeiros de cada categoría e un número para o sorteo a cada xogador e xogadora que se inscriba.

Durante a xornada do torneo, instalarase no pavillón unha mesa informativa para recoller as achegas voluntarias para a AECC. A entrada, con rifa, custa un euro para o público adulto. Os nenos e nenas entrarán de balde.

Doazóns tamén no Concello ata o día 24
As furnas a beneficio da AECC e a beneficio de Amarai, así como as caixas para alimentos que se lle entregarán a Cáritas xa estás depositadas na Casa do Concello ata o día 24 de decembro, á disposición das empresas, asociacións e particulares que desexen colaborar con doazóns. Despois, na xornada das competicións, trasladaranse ao polideportivo en Olas.

O facebook Deporte Concello Mesía ofrecerá información puntual sobre os dous torneos.