EN NOVEMBRO, CURSOS GRATUÍTOS DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS EN EXPLOTACIÓNS AGROGANDEIRAS EN CURTIS E ORDES

Mar, 28/10/2014

O Concello de Mesía informa da convocatoria de dous cursos de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras, que se celebrarán en Teixeiro (Curtis) e en Ordes do 17 ao 21 de novembro, en horario de tarde.

Este tipo de cursos, gratuítos, están dirixidos a persoas traballadoras maiores de idade, ocupadas ou desempregadas na actividade agrogandeira. Os seus obxectivos son que o alumnado coñeza e estea en condicións de cumprir a lei de prevención de riscoa laborais, que coñezan os riscos no seu traballo e que poidan tomar medidas para evitalos.

O curso explicará os conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, ademais da lei de prevención de riscos laborais e a normativa relacionada, explicando a organización preventiva, a avaliación de riscos, e os organismos competentes en materia de saúde e hixiene no traballo.

Ademais, formarán nos riscos xerais nas explotacións agrogandeiras e nos riscos específicos e as medidas preventivas no manexo de tractores e de maquinaria agrícola, no manexo de animais, no manexo de produtos agroquímicos, nos equipos de protección individual, no traballo en espazos confinados, no manexo de cargas e sobre primeiros auxilios e primeira intervención no caso de accidente.

Dentro dos contidos, figura tamén unha práctica de campo, que consistirá nunha visita dirixida a explotacións agrogandeiras. As prácticas tratarán sobre o manexo seguro e o mantemento da maquinaria e os equipos, a identificación dos elementos de protección, os procedementos seguros, os procedementos seguros no almacenamento, o transporte e aplicación de produtos químicos...

Para inscribirse, cómpre enviar esta ficha de inscrición debidamente cuberta ao enderezo electrónico prosem@prosem.es ou ao fax 986 78 72 24.

Os cursos están financiados polas administracións autonómica e central e serán impartidos por Prosem.