JAVIER TOURÍS FORNOS E MARÍA JOSÉ GROBAS GARABOA GAÑAN A PROBA XERAL DA CARREIRA DO CONCELLO DE MESÍA

Sáb, 13/09/2014

A proba xeral da Carreira de Mesía 2014, disputada hoxe, tivo como gañador na clasificación masculina a Javier Tourís Fornos (club Coruña Comarca). Segundo foi Borja Sánchez Campos (club Pedro Nimo del Oro) e terceiro Emilio Martínez Anta (club Egovarros). Na clasificación feminina, a gañadora foi María José Grobas Garaboa, de Mesía. A segunda foi María Luisa López García (Egovarros) e a terceira Natalia Míguez López (CAS Sada).

Na Minicarreira, con seis quilómetros de lonxitude en vez dos doce da xeral, a clasificación masculina estivo encabezada por Amador Pena Torreira (Club Noitebra), Ángel Campos Santiago (Club Pinarium) e Luis Miguel Feito Mirás (Fontes do Sar). A clasificación feminina tivo nos seus tres primeiros postos a María Jesús Orgeira Rey (Tordoia), María Pilar Orgeira Rey (club Atlética A Silva) e Olalla Torres Burillo (A Coruña).

A carreira volveu superarse nesta cuarta edición como reto deportivo, acadando grandes niveis de satisfacción entre os 240 corredores e corredoras, no relativo ao deseño da proba, cun itinerario moi esixente que combinou terra e asfalto, e á organización de todo o dispositivo. Á saída e meta nas inmediacións das Brañas da Valga en Visantoña acudiron uns cen espectadores e varias deceas máis animaron os competidores ao longo de todo o percorrido.

A proba anual sae adiante coa organización da Concellería de Deportes do Concello de Mesía, pero sobre todo é posible pola colaboración de veciños e veciñas e de empresas e asociacións da zona implicadas no deporte: Mesón Novo, Eroski, Carpintería Ramón García, Autoservizo Xelo, 'A Fonte' do Mesón do Vento, Panadería Sánchez de Abellá, Restaurante Manteiga de Visantoña, Eurofruit, Froitas Hermanos León, A Tenda dos Queixos, Progando, Panadería Boga, Casa Zapateiro, Pascual, Pinturas Tocho de Betanzos, Coca-Cola, Panadería Gende, Panadería A Telleira, Argal, Panadería Visantoña, Cooperativa Central, Club Atlética A Silva, Casa Grande de Xanceda, Panadería Pedro Fernández, Restaurante Canaima, Celega, Cruz Vermella e o Concello de Carral.

Co apoio de todos eles foi posible ter de maneira gratuíta o material para sinalizar a proba, distribuílo por todo o itinerario, efectuar as advertencias para o tráfico, facer o seguimento das carreiras, estar preparados para atender calquera incidencia, e ofrecer o avituallamento na proba e uns petiscos tras a entrega de premios.

O primeiro tenente de alcalde, Antonio Quindimil, e a concelleira de Educación, Cultura, Muller e Xuventude, Pilar Sánchez, encargáronse da entrega dos trofeos e de supervisar o desenvolvemento da carreira, xunto coa técnico municipal de Deportes.

Pode consultar o resumo das clasificacións por categorías da Carreira, da Minicarreira, e das carreiras para as categorías de menor idade premendo aquí.

Novidade: clasificacións completas por categorías e clasificacións xerais da Carreira e da Minicarreira.

Pode acceder tamén a esta galería de imaxes da proba. Son fotos da autoría de Lucía Doval.

Pode comentar a Carreira en facebook.

Pode solicitar fotos concretas que non atope por aquí no correo electrónico elenarocamoro@concellodemesia.es.