MÁIS DE OITENTA PERSOAS PARTICIPAN CADA SEMANA NO PROGRAMA 'IMOS Á PRAIA' DO CONCELLO DE MESÍA

Ven, 08/08/2014

Máis de oitenta persoas están participando cada semana no programa municipal 'Imos á praia', unha iniciativa na que o Concello de Mesía foi pioneiro e exemplo para outros. Cada xoves de xullo e de agosto, cidadáns de todas as idades, sobre todo maiores e nenos, acoden nos autobuses ata a praia de Boiro co propósito de aproveitar o bo tempo estival para pasar un día relaxado e tranquilo á beira do mar, gozando da auga e do sol. Os participantes pagan 5 euros por día no que participen. Existe un desconto para os menores de doce anos. Os autobuses saen ás once da mañá, con paradas nas parroquias de Cumbraos, Lanzá, Xanceda, Mesía, Visantoña e Olas, e retornan ás sete e media da tarde. Ao programa aínda lle restan tres saídas por este ano: as dos días 14, 21 e 28 de agosto.