MESÍA EN FÚTBOL 11 E EN FÚTBOL 5, E CUMBRAOS EN FÚTBOL 8, GAÑADORES DO TORNEO INTERPARROQUIAL DE FÚTBOL

Dom, 31/08/2014

O Torneo Interparroquial de Fútbol Concello de Mesía 2014 xa ten gañadores, despois de disputarse este domingo no campo municipal de céspede artificial en Visantoña ante preto de 300 espectadores durante toda a xornada. Na categoría de fútbol 11, o campión foi o equipo da parroquia de Mesía, co segundo posto para o equipo de Olas, e a terceira posición para o de Visantoña. En fútbol 8, proclamáronse campións os integrante do equipo de Cumbraos. A praza de subcampións acadárona os de Visantoña, mentres que a terceira e cuarta prazas correspondéronlles aos equipos de Xanceda e de Mesía. E na categoría de fútbol 5, os gañadores foron os da parroquia de Mesía e os subcampións os de Visantoña. Todos eles recibiron medallas. En representación do Concello, participaron na entrega de medallas e de trofeos o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, e o concelleiro de Deportes, Iván Méndez. O Concello de Mesía agradece a participación dos equipos, do público e das familias dos xogadores máis pequenos, pola súa implicación no torneo. Este evento deportivo contou coa inestimable colaboración de Coca-Cola.