MESÍA PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN DO NADAL 2014-2015

Mér, 10/12/2014
Bola Nadal

O Concello de Mesía presenta a súa programación de actividades para o Nadal 2014-2014, con múltiples propostas planificadas para todos os sectores de idade, especialmente os máis novos. Toda a oferta de actividades figura no boletín municipal que xa se está difundindo entre todos os domicilios do municipio.

Nos colexios

A primeira actividade será xa este venres 12 de decembro, coa Festa de Nadal das escolas unitarias de Olas e de Visantoña. Celebrarase na Casa da Cultura en Xanceda e os nenos e nenas poderán entregar as súas cartas para os Reis Magos, ademais de recibir caramelos.

O venres 19 de decembro, o Apalpador visitará o CPI de Xanceda, á vez que o alumnado de infantil e primaria asistirá a unha sesión de contacontos e ao reparto de caramelos. Para os rapaces e rapazas da ESO, prepárase unha actividade de zumba, con baile e diversión.

XoeCon

Como proposta de conciliación laboral e familiar, volve o programa XoeCon, con actividades os días 23, 26 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro: un obradoiro navideño e un conto o martes 23, xogos en inglés e un obradoiro navideño o venres 26, baile de Nadal e xogos o martes 30 e cociña de Nadal e xogos o venres 2. É unha iniciativa para nenos e nenas de tres a doce anos, que se desenvolverá de 10:30 a 13:30 horas na Casa da Cultura. Admite inscricións ata o 19 de novembro, para un máximo de corenta prazas. Tamén se estableceu un mínimo de quince prazas para que se leve a cabo o programa. A asistencia é gratuíta e tamén se poden formalizar anotacións por días soltos.

Cachibol

Tamén se mantén na programación o Cachibol de Nadal, que se aumenta ata tres xornadas: os días 23 e 30 de decembro e 5 de xaneiro. Terá lugar no pavillón municipal en Olas, entre as 11 e as 12:30 horas. É unha actividade gratuíta aberta a todas as persoas que queiran asistir, xa que non se limita a participantes do cachibol que se desenvolve durante todo o curso. Esta iniciativa está pensada para familias enteiras, con avós, fillos e netos xogando e divertíndose.

Festa de Reis

A tarde do 5 de xaneiro, como non pode ser doutra maneira, está reservada para a Festa de Reis. Os de Oriente serán recibidos no polideportivo municipal en Xanceda, cunha celebración entre as 16:30 e as 20:00 horas. Está previsto que entreguen caramelos e agasallos para todos os nenos e nenas, e haberá elementos inchables para divertirse, xogos e obradoiros, ademais do tradicional roscón de Reis. A asistencia é de balde, pero é necesario inscribirse canto antes na Casa da Cultura para que a Casa Real de Oriente poida facer unha previsión de asistencia e preparar mellor a visita.

Xuntanza de Nadal en Malpica

Tamén para todos os veciños e veciñas, o domingo 21 de decembro está programada a Xuntanza do Nadal. Terá lugar no Restaurante Aldeola, en Malpica. Custa 25 euros por persoa. As inscricións deben efectuarse no departamento de Servizos Sociais (981 68 72 38), onde ofrecen toda a información sobre a xuntanza.

Saídas de lecer

Ademais, o Concello de Mesía programou tres saídas dentro desta programación. A primeira será o luns 22 de decembro, ao salón de ocio infantil e xuvenil Xuvenlugo, no Pazo de Congresos da cidade das muralla. Alí contarán con atraccións de todo tipo e un espazo específico para os menores de tres anos. O prezo é de tres euros por persoa e existen outras actividades de pago como minigolf, karts ou piscina con barquiñas.

Poden asistir ao Xuvenlugo persoas de todas as idades, aínda que os menores de oito anos terán que ir en compañía dunha persoa adulta que se responsabilice deles. A saída será pola tarde (de 15 a 21:30 horas) e as prazas son limitadas, con prazo de inscrición ata o 19 de decembro.

A segunda saída, outro clásico nestas datas, será á patinaxe sobre xeo e ao cine nun centro comercial na Coruña. Será o luns 29 de decembro, de 10:30 a 19:30 horas. Poderán acudir a patinar os maiores de cinco anos. Todos os menores de doce anos deberán ir en compañía dunha persoa adulta.

As inscricións están abertas ata o 23 de decembro na Casa da Cultura. O prezo é de 3,50 euros para todos na patinaxe, mentres que o cine sae a 3 euros para nenos e nenas empadroados, 4 euros para os adultos acompañanetes.

E a terceira saída, xa a finais de xaneiroo, o domingo 25, será á neve en Leitariegos. Poden participar maiores de cinco anos, cos menores de dezaseis sempre acompañados por persoas adultas. As inscricións poden formalizarse ata o 17 de xaneiro na Casa da Cultura, a un prezo de 43,50 euros para entrada á pista de quen saiba esquiar e de 37,50 euros para quen non saiba esquiar. Os menores de catorce anos pagarán 35 euros. O aluguer sae en 29,50 euros para menores de catorce anos e en 23 euros para os demais. A saída será ás catro da madrugada desde a Praza do Concello.

Outras informacións

O boletín lembra tamén que o Torneo Solidario de Fútbol Sala se celebrará o 28 de decembro, ademais de ofrecer un apartado sobre educación e formación no que detalla a oferta de cursos para preparar a obtención do graduado en ESO e para a formación en benestar animal. Recolle tamén a existencia de prazas dispoñibles nos cursos de inglés para adultos, nas clases de música, no curso de informática básica para adultos e no curso de monitoraxe de tempo libre.