O ALBERGUE DE HOSPITAL DE BRUMA RECIBE A VISITA DA NATIONAL TRUSTS, QUE PROMOVERÁ O CAMIÑO INGLÉS EN 68 ESTADOS

Mér, 17/09/2014

O albergue de peregrinos de Mesía, situado en Hospital de Bruma, recibiu hoxe a peregrinación de directivos da International National Trusts Organisation (INTO), unha entidade que ten por obxectivo a promoción e conservación do patrimonio e que con esta visita pretende potenciar o Camiño Inglés. O colectivo ten unha presenza destacada no Reino Unido, con máis de catro millóns de socios, e presenza en todos os continentes. É especialmente activo en países como Australia, Taiwan, a República Checa e Canadá. Na delegación que chegou hoxe a Mesía, que partiu o luns pasado de Ferrol e prevé chegar o vindeiro venres a Santiago, hai representantes de Gran Bretaña, Canadá, Uganda, Francia e Australia. Acompáñanos integrantes de Tesouros de Galicia, entidade sen ánimo de lucro con fins semellantes e partícipe da INTO, nun percorrido polo itinerario xacobeo impulsado pola Deputación da Coruña. A recepción que lles ofreceu o Concello de Mesía consistiu nunha degustación de produtos gastronómicos galegos, con especial protagonismo para os propios do municipio, como o queixo peregrino e os iogures da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, ademais do pan e a empanada. Non faltou incluso unha queimada. A concelleira de Cultura de Mesía, Pilar Sánchez Ulloa, representou o Concello na recepción. Ademais de atender as preguntas e suxerencias dos visitantes, explicoulles a historia do albergue de Bruma, o único público ata chegar a Santiago, e a peculiaridade da parroquia de Hospital de Bruma, que non colinda con ningunha outra parroquia do municipio ao que pertence, ademais da súa importancia histórica como punto de confluencia das variantes coruñesa e ferrolana do Camiño Inglés. A concelleira sinalou a importancia de potenciar e coidar o Camiño Inglés e animou aos integrantes de 'Tesouros de Galicia' e da INTO en xeral a divulgalo para acelerar a súa proxección internacional e conseguir que o número de peregrinos que o percorren cada ano continúe en aumento.