O CAMPAMENTO 'RESPIRA MESÍA' REÚNE 24 PARTICIPANTES

Ven, 08/08/2014

O campamento 'Respira Mesía', convocado polo Concello de Mesía para o comezo do mes de agosto, sumou 24 participantes de entre catro e dez anos de idade. Durante esta semana, os nenos e nenas participaron nunha ampla e variada programación que tivo como ubicacións principais a Casa da Cultura e a piscina municipal máis o seu complexo deportivo anexo, en Xanceda. Entre as actividades realizadas, todas con carácter lúdico e didáctico, destacan os obradoiros de cociña, as sesións de contacontos, os xogos acuáticos, ou os obradoiros de manualidades nos que prepararon un ambientador artesanal, un pao de chuvia reciclado e un cadro co nome de cada un. Este foi o segundo campamento organizado polo Concello de Mesía durante este verán. En xullo tiveron lugar os campamentos 'Xoecon', cunha demanda próxima ao medio cento de participantes. En agosto reduciuse en boa medida a que moitos dos pais e nais xa teñen vacacións, de maneira que non precisan no mesmo grao esta iniciativa de conciliación laboral e familiar impulsada polo Concello de Mesía.