O CONCELLO DE MESÍA ESTREA AS CURTAMETRAXES CREADAS POLOS NENOS E NENAS DOS CAMPAMENTOS XOECON DESTE VERÁN

Lun, 29/09/2014

O Concello de Mesía estrea hoxe as dúas curtametraxes elaboradas polos cincuenta nenos e nenas que participaron no programa municipal Xogar e Conciliar (XoeCon) do verán recén rematado. Os obradoiros de videocreación, impartidos por Illa Bufarda, utilizou a técnica de animación con plastilina para recrear dúas narracións da tradición oral, sen esquecer a perspectiva crítica. Un dos traballos chámase 'Un cesto de patacas' é unha adaptación do conto 'As patacas nun cesto' recollido na provincia de Lugo e publicado en Contos de vellos para nenos, de Mini e Mero, editado por Citania Publicacións. O outro traballo recolle 'A lenda do castelo da Pobra de Mesía' e pretende rescatar este exemplo de tradición oral local, sen esquecer darlle unha reflexión crítica. O obradoiro de videocreación foi unha das actividades máis innovadoras dos campamentos XoeCon e acadou una elevada implicación dos nenos e nenas, xa que integraba dúas actividades tan atractivas para eles como os xogos con plastilina e a creación audiovisual con ferramentas dixitais. Nun primeiro momento, crearon con plastilina as distintas personaxes das historias e prepararon os escenarios nos que se desenvolverían as tramas. Con sucesivos movementos das figuras, gravados, déronlle vida ás historias. O resultado final foron as dúas películas, unha por cada grupo de idade dos campamentos.