O CONCELLO DE MESÍA INFORMA DAS XORNADAS PARA MOTIVAR O EMPRENDEMENTO, ESTES XOVES 16 E VENRES 17 EN ORDES

Lun, 13/10/2014

O Concello de Mesía informa de que os vindeiros xoves 16 e venres 17 de outubro celébranse en Ordes unhas xornadas de motivación para o emprendemento. Están organizadas pola Mancomunidade de Ordes, o Concello de Ordes e a Deputación da Coruña, coa colaboración do IGAPE.

Estas xornadas terán lugar na Casa da Cultura de Ordes en horario matinal, desde as 9:30 horas ata as 14:00 horas. A inscrición é de balde e pódese efectuar nos teléfonos 981 68 00 02 (extensión 113) e 981 68 06 79, ademais de no correo electrónico correo@ordes.dicoruna.es.

O programa das xornadas inclúe o xoves, tras a inauguración, unha charla sobre motivación e creatividade para emprender a cargo de Fernando González Truque, da Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) da Deputación da Coruña. De seguido, Rodolfo Diehl, axente de desenvolvemento local da Deputación da Coruña, intervirá para explicar como materializar unha idea en empresa. Tras a pausa para o café, ao mediodía intervirá Mónica Citores, sobre a Factoría de Innovación. E para concluír a primeira xornada, unha explicación de Enrique Gómez, do IGAPE, sobre a Lei do Emprendedor.

Na xornada do venres, Germán Casal Rodríguez, da UPD da Deputación, ofrecerá os conceptos e recursos básicos para emprender. De seguido, Mónica López Santiago, da mesma UPD, explicará os trámites para a apertura dun negocio. Tras o pausa para o café, Marcos López Mallo, tamén da UPD, exporá aspectos esenciais sobre o deseño de marca, imaxe e innovación. E antes da clausura, Xoan Concheiro, subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, abordará as posibilidades do cooperativismo e da economía social.