O CONCELLO DE MESÍA ANIMA A PARTICIPAR NO CONCURSO 'COMPARTE, FAI QUE A VEXAN' CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Mér, 11/11/2015

O Concello de Mesía anima a participar no concurso 'Comparte, fai que a vexan', convocado na súa primeira edición polo Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o vindeiro 25 de novembro. 

O certame desenvólvese a través das redes sociais porque pretende concienciar sobre o seu poder como instrumento que, segundo o uso que se lles dea, pode favorecer a violencia contra as mulleres ou, ao contrario, pode servir para combater esa violencia.

O concurso ten dúas categorías: unha en facebook para calquera persoa maior de 14 anos e outra en twitter para estudantes de ESO ou de Bacharelato dos centros educativos da comarca de Ordes. O premio é unha tablet en cada unha das categorías. 

No caso de facebook hai que enviar unha imaxe como máximo, que se debe compartir na páxina do CIM acompañada do texto "Participo no concurso 'Comparte, fai que a vexan'. Non lle deas a 'gústame' no meu perfil, dálle no do CIM. Os votos no meu perfil non contan para o concurso". O prazo para participar remata ás 23:59 horas do 23 de novembro. Consulte aquí as bases completas.

En canto ao certame en twitter, para alumnado de ESO e Bacharelato da comarca, poden enviar tantos chíos diferentes como queiran. Teñen que incluír os hashtag #CIMdeOrdes e #ComparteFaiqueaVexan para poder entrar no concurso. O prazo remata tamén ás 23:59 horas do 23 de novembro. Consulte aquí as bases completas.