O CONCELLO DE MESÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO #nonmeenredes

Lun, 20/11/2017
MESIA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 2017

Presentámosvos a CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO #nonmeenredes.

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o próximo 25 de novembro, visibilizamos a presenza da violencia de xénero nas redes sociais.

Hai anos a violencia de xénero relacionábase case en exclusiva coa agresión física que sufrían as mulleres cando eran maltratadas pola súa parella. Ao longo dos anos foise ampliando a visión cara outros tipo de violencia.

Este ano, no marco da conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero, a Mancomunidade de Ordes quere informar sobre a presenza da violencia de xénero nas redes sociais.

O uso masivo das redes sociais nos últimos anos comporta a translación das condutas violentas existentes na sociedade. Dende o Centro de Información da Muller constátase a indefensión das mulleres ante a violencia que se exerce por medio das redes. Esa vulnerabilidade é especialmente forte nas mozas máis novas, debido a un uso máis intenso e un escaso control familiar. Na prevención destas situacións ten un papel fundamental a comunidade escolar, e por iso se lles solicita aos centros educativos a súa colaboración nesta campaña.

Na nosa comarca estanse dando casos de control a través da rede: mensaxes de acoso no teléfono móbil, control de chamadas ou de amizades, espionaxe, suplantación de personalidade, exposición de fotos íntimas ou degradantes da parella ou ex-parellaetc.

O lema #nonmeenredes (expresado en forma de cancelo, ao xeito das mensaxes da rede Twitter) pretende ser un berro reivindicativo das mulleres da comarca para que ninguén exerza a violencia a través de Internet, e que esa violencia teña cada vez menos espazos para existir na sociedade.

Galería de imaxes: 
MESIA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 2017