O Concello de Mesía obtivo un investimento de case 580.000 euros para ampliación da rede de distribución de Auga

Lun, 01/01/2018

O Consello da Xunta na reunión que tivo lugar en San Caetano o 27 de decembro, autorizou o convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Mesía para a execución da actuación de “Ampliación da rede de distribución de auga no Concello de Mesía. Fase I. Concello de Mesía (A Coruña)”, por un importe de cincocentos setenta e seis mil cento noventa e catro euros con vinte e tres céntimos (576.194,23 €).  


O convenio xa aprobado entre Augas de Galicia e o Concello servirá para ampliar a rede de distribución de auga potable. O proxecto permitirá completar o abastecemento na parroquia de San Cristovo de Mesía e chegar a unha parte de San Martiño de Visantoña e a outra de San Lourenzo de Olas. 

Con esta actuación preténdese dotar do servizo de abastecemento de auga a parroquia de San Cristovo, así como a unha parte das parroquias de Visantoña e Olas. Con esta actuación (fase I), tamén se pretende definir un novo ramal principal desde o anel existente que se dirixe a Olas e Visantoña, que permitirá dar servizo a estas zonas no futuro.

Esta actuación é unha primeira fase dunha iniciativa maior, pendente de obter financiación.

Cómpre indicar que a execución das obras de abastecemento, como a que recolle o convenio aprobado esta mañá, é unha competencia atribuída a entidade local, que está ademais vinculada a un servizo público cuxa prestación resulta tamén unha competencia da administración local. Polo tanto, queda acreditado o interese principal do concello na súa promoción.

Non obstante, Augas de Galicia ten entre as súas competencias –tal e como se fixa na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia- a adopción de medidas que garantan o abastecemento aos municipios (artigo 31.1) e a supervisión das redes básicas de abastecemento en alta (artigo 31).

Neste sentido, faise preciso artellar as bases para a óptima coordinación das súas actuacións, motivos polos que as partes subscriben este convenio de colaboración. Así, Augas de Galicia levará a cabo os traballos de contratación e execución das obras, controlará a calidade e a seguridade durante a súa execución e financiará ao 100% a actuación. Pola súa banda, o Concello de Mesía porá á disposición de Augas de Galicia -antes do inicio das obras- os terreos necesarios libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico axeitado; e tamén deberá obter os permisos, licenzas e autorizacións necesarias.

Sinatura do convenio o pasado xoves 04 de xaneiro de 2018, coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro. Preme aqui ler a nova.

Galería de imaxes: 
Sinatura convenio completar Abastecemento Auga
Sinatura convenio completar Abastecemento Auga