O CONCELLO DE MESÍA PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES PARA O VERÁN, QUE XA RECOLLE INSCRICIÓNS

Xov, 18/06/2015

O Concello de Mesía presenta a súa programación de actividades para o verán, que desde hoxe 18 de xuño ata o 30 de xuño ten aberto o prazo de inscricións con carácter xeral, agás nas propostas concretas nas que se establecese un prazo distinto. O epicentro da programación é a piscina municipal en Xanceda e o seu complexo deportivo, que abre este sábado 20 de xuño.

As actividades, que comezan na semana do 6 de xullo, inclúen dous niveis da escola de natación infantil, e os Campus Coca-Cola de fútbol, pádel e tenis. Tamén se oferta un campamento de verán XoeCon con dous grupos de idade durante o mes de xullo, xunto co programa 'Respira Mesía' para a primeira quincena de agosto.

En canto ás propostas para adultos, volven as escolas de tenis con dúas clases semanais, o curso de iniciación ao pádel, ximnasia na auga, iniciación á natación, ximnasia de mantemento, aeróbic-zumba, pilates e cachibol de verán para maiores de 50 anos, tapicería e almazuela, e un Eco-Baúl de elaboración de insecticidas e fertilizantes naturais. As propostas específicas para a mocidade son unha saída de multiaventura o 21 de agosto, e un curso de mecanografía e informática a partir de oito anos.

Como eventos deportivos, están fixados xa o VIII Torneo de Tenis Concello de Mesía, patrocinado por Coca-Cola, para o mes de agosto, a V Carreira Concello de Mesía para o 2 de agosto, e o Torneo Interparroquial de Fútbol para o 19 de xullo.

A Festa da Auga e da Escuma será o 29 de agosto. E como é habitual están previstas dúas saídas ao parque acuático de Cerceda, unha o 13 e outra o 20 de xullo, e o programa 'Imos á praia' con nove saídas en todo o verán.

O boletín coa programación estival recolle tamén as actividades formativas máis próximas, como é o curso de obtención do título da ESO, que se iniciará en setembro, ou o curso de manipulación de alimentos, coa inscrición xa aberta. E tamén se informa sobre a celebración da II Foliada das Mentiras, o 1 de agosto en Xanceda, organizada polo grupo de baile da Escola de Música e Baile Tradicional de Mesía, coa colaboración do Concello.

Toda a información sobre as actividades está recollida no boletín da programación.

A ficha de inscrición pode obterse facendo click aquí.