O CONCELLO INFORMA DA PROHIBICIÓN DAS QUEIMAS AGRÍCOLAS E FORESTAIS DESDE ESTE SÁBADO 23 DE MAIO ATA NOVO AVISO

Ven, 22/05/2015

O Concello de Mesía informa da decisión da Consellería do Medio Rural de prohibir as queimas de restos agrícolas e forestais en toda Galicia, desde mañá sábado 23 de maio ata novo aviso. A decisión tómase tendo en conta as condicións actuais de vento e as previsións para os vindeiros días. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez dende o momento da prohibición.

A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural e do Mar pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde mañá non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.