O CONCELLO INFORMA DE QUE DESDE HOXE PODEN SOLICITARSE DE NOVO PERMISOS DE QUEIMA DE RESTOS AGRÍCOLAS OU FORESTAIS

Mér, 01/10/2014

O Concello de Mesía informa de que desde hoxe xa se poden solicitar de novo os permisos de queima de restos agrícolas ou de restos forestais amoreados, de acordo coa normativa vixente e posto que rematou oficialmente a época de perigo alto de incendios forestais en Galicia.

A decisión da Consellería do Medio Rural e do Mar, de dar por finalizada a campaña de perigo alto, adoptouse de acordo co establecido polo artigo 9 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, segundo o cal a Consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio da Comunidade Autónoma.

A Consellería asegura tamén que, de acordo co plantexamento de despregue progresivo que se aplicou ao inicio da campaña, os medios contra incendios de reforzo iranse repregando tamén de xeito gradual ao longo do mes de outubro.