O PLENO DE MESÍA APROBA POR UNANIMIDADE AS ACTUACIÓNS QUE SE INCLUIRÁN EN DOUS PLANS DA DEPUTACIÓN

Mar, 15/12/2015

O pleno do Concello de Mesía aprobou hoxe por unanimidade as actuacións que se incluirán no Plan de Obras e Servizos (POS) para 2016 e no Plan de Acción Social (PAS) 2015, financiados pola Deputación da Coruña. 

O POS 2016 supón unha asignación de 224.076,27 euros ao Concello de Mesía. Deles, 128.342,33 euros destinaranse á realización dun proxecto denominado 'Ponte sobre o río Samo en Mesía' (91.529,01 euros) e outro denominado 'Camiño en Fontorto (Boado) e outros' (36.813,32 euros). A cantidade restante do POS, equivalente a 95.733,94 euros, foi incorporada como achega provincial ao financiamento de gastos correntes do Concello. E como proxecto complementario, que se executaría con cargo a hipotéticas baixas na licitación dos proxectos aprobados, figura o 'Camiño cara ás Virtudes (Lanzá) e outros', por importe de 36.428,56 euros. 

O PAS 2015 permtirá investir 305.558,55 euros en Mesía. Para investimentos financeiramente sostibles de carácter social disporase de 234.837,03 euros, distribuídos nos seguintes proxectos: senda peonil na Igrexa (Boado) e praza pública na Igrexa (Mesía), valorado en 53.001,61 euros; arranxo de equipamentos, vellos vestiarios e aseos no campo de fútbol en Visantoña, por valor de 59.348,43 euros; acondicionamento da piscina municipal en Xanceda e outros, por importe de 53.971,44 euros; e arranxos no pavillón polideportivo de Xanceda con nova pavimentación, orzamentados en 68.515,55 euros. E como outros investimentos financeiramente sostibles, este plan recolle o proxecto do camiño do Campo á Pereiruga (Xanceda) e outros, valorado en 70.721,52 euros.  

A aprobación do pleno municipal será trasladada agora á Deputación da Coruña para que á súa vez autorice os proxectos, de maneira que poidan acometerse ao longo de 2016.

Proposta formativa de FP en Curtis
Ademais, o pleno de Mesía amosou o seu apoio unánime á proposta formativa para o centro de Formación Profesional de Curtis. É unha iniciativa conxunta dos Concellos de Aranga, Boimorto, Curtis, Frades, Mesía, Sobrado e Vilasantar para instar á Xunta de Galicia a intentar adaptar a oferta formativa do IES de Curtis ás demandas do mercado laboral actual, co propósito de recuperar a matrícula de alumnado.

Os ciclos formativos que se acordou solicitar ante a Consellería de Educación son:
- Familia profesional: Servizos Socioculturais e á comunidade: “Atención a persoas en situación de dependencia”.
- Familia profesional: Transporte e mantemento de vehículos: “Carrozaría” e “Electromecánica de maquinaria”.