O PLENO MUNICIPAL APROBOU HOXE OS PROXECTOS PARA FINANCIAR CO PLAN DE OBRAS E SERVIZOS (POS) DE 2015

Ven, 28/11/2014

O pleno do Concello de Mesía aprobou hoxe a proposta municipal para o plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) de 2015, que implica un investimento superior aos 150.000 euros en infraestruturas básicas.

Un dos proxectos aprobados denomínase 'Acometidas da rede de distribución de auga no Concello de Mesía, Fase IV. Parroquia de Cabrui e outras'. Está valorado en 105.710,96 euros e, entre outras accións, servirá para ampliar o servizo público municipal de auga potable a máis vivendas e empresas.

O segundo proxecto contempla a colocación de sinais e outras accións na rede viaria municipal. O seu importe é de 44.501,56 euros e está claramente orientado a mellorar as condicións de seguridade e uso dos viais públicos.

Facendo uso da opción que dá a Deputación de utilizar parte do POS para gasto corrente, a sesión plenaria tamén aprobou que 72.900,39 euros do plan se destinen en 2015 a garantir plenamente a prestación dos servizos públicos municipais.

Ademais, a proposta para o POS de 2015 inclúe un plan complementario, que se acometería se se logran baixas suficientes na contratación dos anteriores proxectos. O proxecto complementario está valorado en 68.807,26 euros e consiste na instalación de sistemas solares térmicos en varios puntos do concello, como o polideportivo municipal, entre outros.