O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN VISITA O CONCELLO DE MESÍA

Xov, 22/10/2015

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Mesía. Foi recibido polo alcalde, Mariano Iglesias, e os dous sostiveron unha reunión no despacho da Alcaldía despois de percorrer as instalacións municipais e de que o máximo responsable da institución provincial asinase no libro de honra do Concello. 

O alcalde explicoulle ao presidente da Deputación a importante implantación que teñen no municipio o sector leiteiro e as actividades industriais da cerámica ou a carpintaría, que contribúen á xeración de emprego e á dinamización da economía local. 

González Formoso anunciou que no próximo pleno da Deputación vaise aprobar unha achega de 46.554 euros para contribuír ao mantemento das actividades da Aula da Natureza e Museo Etnográfico das Brañas da Valga. Esta contribución económica servirá para difundir a importante riqueza natural coa que conta a zona e para a súa conservación e mellora. 

O presidente da Deputación afirmou tamén que no reparto de 57 millóns de euros entre todos os Concellos da provincia no Plan de Obras e Servizos (POS) e no Plan de Acción Social (PAS) a Mesía correspóndenlle 529.634 euros. Nas vindeiras semanas, o Concello decidirá que investimentos acomete con este diñeiro.

O alcalde de Mesía destacou o espírito de colaboración que o goberno provincial mantén coas administracións locais e a súa importancia para mellorar a calidade de vida dos veciños con investimentos en infraestruturas e en servizos públicos.