O VII TORNEO SOLIDARIO DE FÚTBOL SALA 'MESÍA CONTRA O CANCRO' ABRE O PRAZO PARA A INSCRICIÓN DE EQUIPOS

Ven, 05/12/2014

A sétima edición do torneo solidario de fútbol sala 'Mesía contra o cancro' celebrarase o vindeiro 28 de decembro. Como sempre, todo o recadado no evento destinarase integramente a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), á que se lle entregará o diñeiro esa mesma xornada ao remate da competición.

Os equipos que desexen participar deben contactar antes do 19 de decembro coa técnica municipal de Deportes no enderezo electrónico elenarocamoro@concellodemesia.es e disporán ata o 24 de decembro para entregar a folla de inscrición cuberta.

O custo de inscrición de cada equipo é de 50 euros, que se destinarán integramente á causa solidaria. Poderán participar ata oito equipos na competición masculina e catro na feminina. Cada conxunto terá que contar cun mínimo de seis futbolistas e cun máximo de doce. Os partidos terán vinte minutos de duración en cada tempo, a non ser as semifinais e as finais, que serán de quince minutos en cada tempo. As eliminatorias xogaranse pola mañá e as semifinais e as finais pola tarde. Entregaranse trofeos aos primeiros de cada categoría e os xogadores recibirán cadansúa rifa para o sorteo dos lotes de Nadal.

Para o público adulto en xeral, a entrada custará un euro e inclúe rifa, tamén para o sorteo dos lotes de Nadal. Para os nenos o acceso será de balde.

O Concello informa ademais que as empresas, asociacións e particulares que desexen colaborar xa dispoñen da urna da AECC na Casa do Concello ata o día do torneo. Esa mesma urna situarase no polideportivo durante a competición. Ao remate da xornada, ás 20 horas, toda a recadación será entragada á presidenta da xunta provincial da AECC.

O Concello de Mesía anima a colaborar nesta causa solidaria, que na pasada edición conseguiu reunir 3.393 euros.