O VINDEIRO DOMINGO 28, 'OS BOLECHAS E O SABICHÓN' ACTÚAN NA CASA DA CULTURA, DE BALDE E CON INSCRICIÓN PREVIA

Lun, 22/09/2014

'Os Bolechas e o Sabichón' chegan o vindeiro domingo 28 de setembro (18 horas) á Casa da Cultura de Mesía, en Xanceda, no marco das actuacións programadas no programa de dinamización lingüística FalaRedes, impulsado pola Xunta e no que particicipan a Deputación da Coruña e o Concello de Mesía. A actuación está especialmente pensada para nenos e nenas a partir dos tres anos. A entrada é gratuíta, pero é preciso inscribirse previamente, ata o vindeiro venres 26, para confirmar asento, xa que o aforo do auditorio é limitado. Na actuación, os bonecos creados por Pepe Carreiro preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista, un tipo de espectáculo novidoso en Galicia. O espectáculo simula un concurso no que tanto os irmáns Braulio e Loli Bolechas como os nenos e nenas asistentes deberán demostrar os seus coñecementos e habilidades lingüísticas. Ao concurso preséntase 'O Sabichón' como personaxe "listiño", mentres que os Bolechas buscarán a axuda e implicación dos cativos do público ata convertelos en protagonistas do espectáculo. Deste xeito, ademais da finalidade de promover o uso da lingua galega, esta actuación ten unha destacada compoñente didáctica. A estratexia que utiliza é potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos seus protagonistas, un referente positivo asociado ao galego, pois Os Bolechas falan sempre a nosa lingua, sexa nos libros, sexa nos programas de televisión ou sexa en espectáculos como o do vindeiro domingo.