PROHIBIDAS DESDE HOXE XOVES E ATA NOVO AVISO AS QUEIMAS AGRÍCOLAS E FORESTAIS POR MOR DA SITUACIÓN METEOROLÓXICA

Xov, 19/03/2015

O Concello de Mesía informa sobre a decisión da Xunta de prohibir, desde hoxe xoves e ata novo aviso, as queimas de restos agrícolas e forestais, por mor das condicións de vento e as previsións para os vindeiros días. Quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecen de validez desde o momento da prohibición.

A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural e do Mar pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde hoxe non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.