PUBLÍCASE A RELACIÓN PROVISIONAL DE EXPLOTACIÓNS CON AXUDAS COMPLEMENTARIAS Á LIQUIDEZ POLO BAIXO PREZO DO LEITE

Mar, 20/10/2015

O Concello de Mesía informa de que o Ministerio de Agricultura acaba de publicar a relación provisional de explotacións gandeiras que se poderán ver beneficiadas pola axuda complementaria para a liquidez financeira por mor dos baixos prezos do leite. 

Os gandeiros deben consultar o listado cotexando se o seu DNI ou NIF figura na columna de identificacións. Dado o gran tamaño da relación, recoméndase utilizar ferramentas ofimáticas para localizarse. Por exemplo, en programas lectores de pdf pódese utilizar a función 'buscar' (actívase con Ctrl+B ou Ctrl+F segundo os casos) e introducir os últimos díxitos do DNI máis a letra para ver se aparece o coincidente.

Unha vez que se confirme a inclusión nesta relación, o seguinte paso é completar os trámites de solicitude. Para iso, hai dez días hábiles que se contabilizan desde hoxe. Nesta ligazón pode accederse ao formulario de pago. O Ministerio elaborou tamén unhas instruccións para cubrir o formulario. 

En canto se complete este proceso, o Boletín Oficial do Estado publicará a resolución definitiva das explotacións que reciben esta axuda complementaria. 

Estas axudas adicionais destínanse unicamente aos gandeiros que nos meses de abril, maio, xuño e xullo percibirán nas súas liquidacións de leite menos de 0,285 euros por litro de leite. Os que estean por debaixo deste límite perciben 110 euros por vaca. Os que estean por debaixo de 0,259 euros por litro perciben 300 euros por vaca.

Axuda básica

Á parte, o Ministerio estableceu outra axuda básica, consistente nunha contía proporcional ao leite entregado entre os meses de abril e xullo. Neste caso, o pago farase aos gandeiros que xa presentaron a solicitude única da PAC no período de solicitude de 2015. Por tanto, non será preciso realizar ningunha solicitude específica e será pagado a partir do 1 de decembro.