PUNTO LIMPO MÓBIL EN FRADES E MESÍA

Mér, 02/03/2022
PUNTO LIMPO MÓBIL

Os concellos de Frades e Mesía xa contan o camión do punto limpo e o alcalde de Mesia, Mariano Iglesias Castro, asistiu ao evento de presentación do mesmo que se celebrou no Concello de Frades.

O servizo do punto limpo chega así a todas as parroquias dos concellos de Frades e Mesía. Un modo de reciclar diferentes residuos que se pon ao carón da veciñanza para xerar maior impacto e facilitar a correcta xestión dos residuos domésticos.

Este camión ten un funcionamento bastante sinxelo. Deixase unha plataforma no lugar desexado, a cal está dividida nas diferentes fraccións que se poden reciclar, como por exemplo os pequenos electrodomésticos, pilas, papel, vidro, entre outros residuos. Con esta iniciativa esta agrupación de concellos pretende sensibilizar á veciñanza na necesidade de reciclar para protexer o medio ambiente e loitar contra o cambio climático.


Polo que queremos animar a todos os veciños e veciñas destes concellos a separar correctamente os residuos e usar este novo servizo posto en marcha polos concellos para facilitar esta boa acción. O único requisito para participar e ter gañas de reciclar  e de defender a nosa natureza.

Nesta semana as promotoras percorrerán os concellos para explicar o detalle do funcionamento deste punto limpo móbil, falando directamente coa veciñanza e cos comercios. Entregarán folletos e carteis.

O xoves está previsto facer actividades nalgúns colexios dos concellos para que a través dos nenos e nenas a concienciación chegue a todos os fogares. 

A iniciativa, de financiación europea, conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.