SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN DE VIVENDAS ANO 2021

Lun, 22/03/2021

O Concello de Mesía informa de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta de Galicia publicou no DOG núm. 54 do 22.03.2021 a Resolución do 05.03.2021 pola que se convocan, polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto, distintas LIÑAS DE SUBVENCIÓNS para actuacións de rehabilitación dirixidas a persoas físicas, entre outros beneficiarios, para o ano 2021:

1. Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas,  que se tramitará co código de procedemento VI422E. Considéranse actuacións subvencionables neste programa as seguintes:
- As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.
- As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluídos procesos de desamiantado.
- As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitalidade, seguridade e hixiene legalmente esixidas.
- A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluídos os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou tintelectual, así como a súa adpatación, unha vez instalados, á normativa sensorial correspondente.
- A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas ou similares.
- A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.
- A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entres as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.
- A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoas de persoas maiores ou con discapacidade.
- Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares (ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda incluídos baños e cociñas).

2. Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, correspondente ás áreas de rehabilitación integral (ARI) de Camiños de Santiago, que se tramitará co código de procedemento VI408H. Serán subvencionables as actuacións que, contando coa cualificación definitiva, teñan por obxecto as obras seguintes:
- As establecidas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 8 de marzo, para o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas.
- As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 8 de marzo, para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.
- A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, a fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.
- As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios de vivendas de nova construción, en substitución doutros previamente demolidos.


BENEFICIARIOS
a) As persoas físicas, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios.
b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme ao disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
c) As agrupacións de persoas propietarias.
d) As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan a cambio do pagamento da renda.

No caso das ARI, para seren beneficiarias destas subvencións, as persoas e entidades sinaladas nos números anteriores deberán estar en posesión da correspondente cualificación definitiva da actuación outorgada polo IGVS.


SOLICITUDES E SUBVENCIÓNS
As solicitudes realizaranse mediante a presentación dos formularios que se incorporan na convocatoria como anexo I (código VI422E) e anexo VII (código VI408H) en función do tipo de subvención solicitada, e deberán dirixirse ao órgano que se especifique para cada tipo de subvención.


FIN PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
-
Para o Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas,  que se tramitará co código de procedemento VI422E. O prazo de presentación das solicitudes de subvención rematará o 22.04.2021 ou ata esgotamento de crédito.
-
Para o Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, correspondente ás áreas de rehabilitación integral (ARI) de Camiños de Santiago, que se tramitará co código de procedemento VI408H. O prazo de presentación das solicitudes de subvención rematará o 30.09.2021 ou ata esgotamento de crédito.

A concesión das subvencións recollidas nas ditas resolucións tramitaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto en cada convocatoria.

MÁIS INFORMACIÓN AOS/ÁS INTERESADOS/AS
Chamando ao concello ao 981687001 ou no IGVS no teléfono 981541981 ou no 012 e tamén na correspondente convocatoria.