UNHA FESTA CLAUSURA O CURSO 2014-2015 DAS ESCOLAS DEPORTIVAS E AS ACTIVIDADES CULTURAIS DO CONCELLO DE MESÍA

Sáb, 06/06/2015

As escolas deportivas e as actividades culturais do Concello de Mesía clausuraron onte o curso 2014-2015 cunha festa no polideportivo municipal en Xanceda. A parte infantil da festa tivo lugar durante a tarde, e á noite tomaron o relevo os adultos. En total, pasaron máis de medio milleiro de persoas durante a xornada polas instalacións do pavillón.

Desde as catro e media da tarde, ofreceron as súas exhibicións as escolas Baile (tres grupos de aerobic e pequebaile, con 60 participantes), de Patín (25 participantes en patinaxe artística e iniciación), de Psicomotricidade e Desenvolvemento Motor (xogos psicomotores, con 20 participantes), e de Judo (14 participantes). Tamén participaron os integranes das escolas culturais de Música (3 participantes) e de Inglés (11 participantes). Por tanto, máis de 100 rapaces e rapazas amosando as habilidades aprendidas e practicadas desde setembro a máis de 200 espectadores. Despois das exhibicións, ofreceuse unha merenda, entregáronse os diplomas do curso e os participantes foron obsequiados con cadansúa camiseta.

Xa á noite, foi o momento das actividades culturais e deportivas dos adultos, cunha continuación da festa na que tamén se ofreceron exhibicións, entregáronse camisetas e estreouse o vídeo das actividades anuais, do que proximamente se informará nesta web do Concello.

Todos os usuarios da programación deportiva e cultural anual do Concello de Mesía, así como toda a veciñanza en xeral, quedaron emprazados ás actividades do verán, que comezarán no mes de xullo e que se presentarán nos vindeiros días.

Galería de imaxes: