A Torre Fortaleza de Mesía

A Torre-fortaleza está situada no lugar da Pobra, parroquia de Santiago de Bascoi. No que hoxe son ruínas, estivo no pasado ubicada a cabeza da xurisdición de Mesía que abarcaba 45 parroquias, incluídas as dos concellos limítrofes. Esta xurisdición estivo exercida desde o século XV polo bispo de Santiago.

A torre-fortaleza de Mesía era un punto estratéxico de carácter militar que significaba o control e o dominio territorial dunha ampla zona xeográfica.

Esta fortaleza comeza a edificarse a finais do século XIII ou principios do XIV.

A construción consta dunha torre interior amurallada, con defensas exteriores de forma poligonal e rodeadas dun foxo. A torre da homenaxe era moito máis alta que as murallas e probablemente estivera almenada, como a maior parte dos castelos da época.

Nalgúns puntos a construción chega a ter 18 metros de elevación, e os muros teñen un grosor medio de 2,5 m. Non se conserva documentación gráfica do seu aspecto orixinal.

Distintos autores citan o señorío de Mesía e a súa torre ao longo da Historia, e atopamos descricións moi interesantes como a que fixo o Cardeal Hoyo en 1608, cando visitou esta diócese:

"La fortaleza de Mesía está a siete leguas de la ciudad de Santiago hacia Betanzos. Tiene las paredes fuertes y unos durrumbaderos por toda ella, Alrededor y por la parte Oriente y del Septentrión, la cerca un río (el Samo) y sólo la entrada por la puerta tiene llana. Tiene algunos aposentos y razonable vivienda, pero muy lóbrega y melancólica. En la fortaleza y juzgado de Mesía, que tiene 2.000 vasallos, pone (el Arzobispo) un juez, el cual asimismo es alcaide de dicha fortaleza."

As primeiras noticias escritas que se teñen acerca do castelo datan de 1401 e trátanse dun documento no que Gonzalo Díaz de Mesía, señor desta xurisdición, foi pleito de homenaxe nas mans de Bernal Yánez de ter a fortaleza polo Arcebispo D. Lope de Mendoza. O nome de Gonzalo Díaz de Mesía aparece nunha inscrición que figuraba no dintel da porta da torre da homenaxe: (ESTA CASA FEZO D. GONÇLAVO (Gonçalvo) DÍAZ DE MESÍA E SUA MOLER M(María) PRES (Peres).

De Gonzalo Díaz de Mesía di o cronista Vasco de Aponte na súa obra Recuento de las casas antiguas del reyno de Galicia, escrita entre os anos 1510 e 1516 , que "sirvió muy bien al rey D. Enrique y ganó las siete felegresías, era hombre esforçado y valiente. Tenía cuarenta lanças y cien hombres. (...) Si le mataban un hombre, el mataba dos por el. Abatió la casa de Ledoyra, Guerreábase con Ruy Sánchez, su primo, haciéndole dos por una. El arçobispo no le hacía fuerça."

O seu fillo, García Díaz de Mesía, reitera en 1427 o pleito e a homenaxe, en mans de Bermúdez de Montaos.

Ao morrer García Díaz, herda a súa única filla Dona Constanza, casada con D. Alvaro de Castro, quen ao morrer a súa muller sen descendencia, posesiónase da casa e das terras.

Segundo Vasco de Aponte, despois da morte de Dona Constanza, Ares Pardo das Mariñas, primo de García Díaz de Mesía, e parente máis próximo da falecida, ao enterarse casa a súa filla Dona Berenguela con Alonso de Mendoza e dálle a Casa de Mesía en dote.

A escritura dotal é de 1430, e contra o que era de esperar, o Arcebispo Don Lope de Mendoza, que litixaba dende moito antes pola posesión da fortaleza, non se opuxo a este asunto quizais por ser tío de Alonso de Mendoza, ou ben porque o dereito que os prelados compostelanos decían ter, era puramente nominal.

Dona Berenguela das Mariñas e Don Alonso de Mendoza tiveron un único fillo, herdeiro absoluto da xurisdición e da fortaleza, Chamado Don Lope Pérez de Mendoza. O Arcebispo seguinte, Don Rodrigo Luna, quixo disputarlle a propiedade nun escrito do 29 de marzo de 1457 no que lle advirte a D. Lope que non tome posesión sen o seu consentimento.

Don Lope Pérez, a súa morte, acaecida cara ao 1462, deixa en testamento as terras e a fortaleza ao seu tío Gómez Pérez das Mariñas, irmán da súa nai Dona Bernguela.

O ano 1467 foi determinante na historia da torre-fortaleza. Os Irmandiños tomárona e foi destruída, pero ao ser abandonada por estes, o Arcebispo Fonseca usurpou a propiedade e restaurouna.

Despois da famosa batalla de Altamira, os cabaleiros galegos ao mando de Gómez Pérez das Mariñas, derrotaran a Fonseca, recuperando o dominio sobre as fortalezas e castelos dos que se tiña apoderado o prelado aproveitando as sublevacións irmandiñas.

Gómez Pérez deixou a torre en herdanza á súa filla Dona Ginebra, xunto coa xurisdición e as terras de Mesía, mais ao casar co castelán Luis Azevedo e marchar para Salamanca, outros señores do entorno usurparon a torre, e pretenderon construír máis castelos neste territorio. Así, Azevedo e a súa muller quéixanse a raíña Isabel a Católica, que atendeu as súas demandas en Valladolid no 1476, ordeando ás xustizas de Galicia que impedisen a edificación de outras fortalezas na xurisdición de Mesía.

Ao morrer Dona Ginebra, herdou a súa filla Dona Catalina, que foi casada con Don Antonio de Quiñónez e perdeu a casa. O cronista non explica quen foi o usurpador, aínda que o máis seguro é que se trate do Arcebispo Alonso II de Fonseca, fillo e sucesor do outro prelado do mesmo nome, e primo de Dona Catalina, pois de feito, desde 1523 a fortaleza pasa a ser propiedade da Mitra compostelana.

Así foron pasando os séculos, e no 1858 a construción conservábase intacta, como o confirmaban as “guías” de Galicia publicadas na etapa decimonónica, que citaban a torre como un dos monumentos arquitectónicos máis dignos de ser visitados.

Só dous anos máis tarde, o poeta Ángel Corzo, nunha carta persoal a D. José Domínguez de Izquierdo, comenta que “hace dos días que estoy en Mesía, quise visitar su antiguo castillo, y lo encuentro deshecho por el pico y la hazada del hombre”.

A torre debeu derrubarse en 1859.

 

Torre Fortaleza de Mesía

Xa extinguidas as xurisdicións, e creados os municipios, o Concello de Mesía adoptou por armas no seu escudo a famosa torre, reproducida en 1847 no selo municipal.

O Concello de Mesía adquiriu os terreos que circundan a torre-fortaleza ata a ribeira do río Samo co obxecto de construír os accesos, proceder á dotación dunha área recreativa e acometer as accións necesarias de conservación e restauración desta segundo as directrices da dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.