As telleiras

As telleiras ou cabaqueiras son instalacións destinadas a elaboración de tellas, ladrillos e outros elementos de construción feitos en barro. Estaban formadas por varias partes diferenciadas en función da súa utilidade cunha disposición variable que xiraba ao redor dun elemento principal, o forno.


 

A tempada de traballo na telleira comezaba polo mes de abril e remataba entre setembro e outubro. No inverno permanecía inactiva pois os traballos facíanse principalmente ao descuberto e precisábase de bo tempo para secar o material. Mentres duraba a tempada, os homes da cuadrilla facían vida na telleira, indo ás súas casas só en contadas ocasións.

 

Forno

Era a peza principal da telleira, rematado moitas veces nunha gran cheminea que identifica este tipo de construcións.

Pallete ou cuberto

Construción onde se almacenaba o material seco antes da cocción ou o material xa cocido á espera da súa venda e distribución.

Eira

Amplo espazo descuberto onde se tendían a secar as tellas e ladrillos.

Leñeira

Espazo para gardar a leña necesaria para a cocción.

Casetas ou Chabolas

Servían de habitación aos traballadores da cuadrilla.

Pía

Escavación circular pouco profunda onde se pisaba o barro.

 

 

 

A xornada de traballo era de sol a sol parando unicamente ao mediodía, no momento de maior calor, para xantar. Á noitiña recollían todo o material para gardalo no pallete, deixando a eira despexada para o día seguinte. Despois da cea, retirábanse a durmir todos xuntos na caseta en xergóns de palla, enriba dunha tarima que os illaba do chan.

 


 

As telleiras podían ser de propiedade privada ou arrendadas. O amo ou xefe formaba a súa propia cuadrilla contratando aos veciños por un xornal, ben para traballar na zona ou ben para ir traballar a outros lugares de Galicia e de Castela.

Os cabaqueiros da zona sur de Galicia aínda conservan un xeito especial de falar, unha xerga chamada o latín dos cabaqueiros, para falar entre eles sen que os estraños ou puideran entender.