Barro sodes e en barro vos convertiredes

A propiedade máis importante das arxilas é a plasticidade. A plasticidade fai posible que a arxila, mesturada e amasada con auga, poida ser deformada a vontade (modelada) e que conserve a súa deformación ao cesar o noso modelado. Ao secar, e desaparecer con iso gran parte da auga, a arxila deixa de ser “plástica”.

En definitiva. A plasticidade fai posible que poidamos facer monifates con barro.

A plasticidade, a capacidade de ser modelada da arxila, débese ao tamaño e forma das súas partículas (laminiñas hexagonais). Sempre buscan unha posición horizontal, e o seu comportamento nas nosas mans dependerá de como a mesturemos coa auga.


 

Imaxina as partículas de arxila como un montón de folios de papel.



 

Segundo sexa a cantidade de auga que mesturemos coa arxila, así será a plasticidade. Dous folios só salpicados de auga –auga insuficiente– non se manteñen unidos. Só regamos o chan para que non se forme po (o vento non levanta as laminiñas).


 

As laminiñas hexagonais de arxila esvaran unhas sobre outras cando están lubricadas con auga. Ao amasala, intentamos ordenar a súa posición, porque favorecemos que estean paralelas. Canto menor sexa o seu tamaño, empápanse máis de auga, mantéñense máis unidas e conservan mellor a deformación.

A materia orgánica que ás veces está presente nas arxilas (humus, algas, bacterias) enceran de forma natural as superficies das laminiñas, facilitando o desprazamento dunhas sobre outras.

As arxilas tamén “maduran” ou “envellecen”. As pastas de arxila e auga melloran a súa plasticidade permanecendo en repouso varios días despois de amasalas.


 

A auga que se filtra entre as laminiñas, responsable da plasticidade, chámase AUGA FÍSICA. É unha auga de quita e pon, que se pode evaporar e volverse a filtrar de novo, sen alterar as propiedades químicas da arxila. Segue a ser arxila, máis ou menos húmida.

A “auga física” intercalada entre as laminiñas aumenta o volume da arxila. Cando seca, o volume mingua, porque as laminiñas se aproximan e entran en contacto.

Un charco de barro ao ir secando mingua de volume e, finalmente, greta a súa superficie porque se perde a auga que estaba entre as partículas. Ao secar de todo, vólvese poeirento e facilmente arrastrable polo vento. Coas primeiras chuvias, volverá compactarse ata que o exceso de auga forme de novo o charco.